xoves, 20 de maio de 2021

Polo Camiño: O conto de infantil

Conmemorando o Día do Libro todo infantil embarcouse na aventura de cantar e contar o conto chamado "Polo Camiño" entre todos e todas e así, a pesar da distancia física puidemos sentirnos máis xuntos/as de novo!

Quedoulles unha historia ben feitiña que podedes desfrutar neste vídeo!


Ah! E o  Certame Literario fica resolto, moi pronto anunciamos gañadores e gañadoras e os seus premios! Noraboa a todos e todas, artistas!

luns, 17 de maio de 2021

Letras Galegas 2021: Xela Arias

Si!

Chegan as participacións no certame literario a mans do xurado que, ademáis de resolver o crebacabezas que isto supón, está preprarando todos os premios para os autores e autoras das obras gañadoras en cada categoría! 

En moitos casos hai moita calidade e é un gusto lervos! Sodes uns e unhas artistas!

Sede  algo pacientes que pronto resolvemos!




Ademáis aquí viñamos contar algunhas das cousas que estivemos facendo en torno ao Día das Letras Galegas e á figura da homenaxeada deste ano: Xela Arias, a quinta muller, á que se lle adica esta data tan especial polo seu labor a prol da lingua (de 61 homenaxeados/as).

Os traballos foron moitos e moi diversos, desde cursos nos que crearon un libro ilustrado coa súa biografía que agardamos poder publicar pronto por aquí a xogos, teatro, música...

En terceiro estivemos cantando e signando con esta canción na que A Banda da Loba visita os versos de Xela Arias e a verdade é que non se deu nada mal... ademáis aproveitamos para coñecer máis poemas do libro que adicou ao seu fillo e tamén para coñecer a Darío a través da prensa e do documental "A palabra esgazada" da RAG... pode que aínda lle deamos algunha que outra volta á canción que tanto nos está a gustar.


Desde 1º e 2º preparamos o noso primeiro programa de radio completo e non foi outro que o "Especial Letras Galegas", nel un grupo fixo un acróstico/adiviña, outro unha peza de radio teatro na cal buscaban a Xela Arias polos seus versos, estará no parque? na praia?... outro grupo, sabendo que Xela Arias traballou máis de 10 anos nunha editorial, contactou con Lucía Puebla, unha redactora da Editorial Penguin á que fixeron unha entrevista para coñecer máis o seu traballo, outro grupo interpretou un rap no que falan da vida e obra de Xela Arias e, por suposto, un grupo foi o encargado de conducir todo o programa facendo as introducións, aportando datos, creando os peches, etc. Todo isto podedes escoitalo aquí abaixo e tamén no espazo dos nosos podcasts (premendo no logo de RADIO NA BIBLIO)


Tamén noutros grupos investigamos e coñecemos máis cousas de Xela Arias a través dun xogo tipo "sala de fuga" no cal estabamos atrapados/as na biblio e tiñamos que resolver retos antes de que chegara o segundo bus para obter toda a información necesaria. Premendo na imaxe de abaixo podes xogar de novo.



E incluso algúns/has comezamos a facer aportacións, despois do xogo, no "Proxecto Xela Arias" coas nosas imaxes e poesías ao estilo da obra "Tigres coma cabalos" na que Xela Arias e Xulio Gil uniron fotografía e poesía Nós accedemos a unha web/app na que crear unha obra colaborativa que misture tamén fotografía e poesía.

Isto foi só un pequeno resumo de todo o traballado, agardamos que desfrutedes dalgúns resultados como o programa de radio que, para ser o primeiro dos grupos do primeiro ciclo quedou ben feitiño!



Ata a próxima e FELICES LETRAS!