venres, 22 de abril de 2022

Día do libro 2022: Certame literario!

 Feliz día do libro a todas e todos!! (Ben, case, que xa sabemos que é mañá,  sábado 23)

Temos unha boa nova!:



Para comezar deixámosvos o texto conmemorativo deste ano, que correu ao cargo de Xosé Ballesteros e agardamos que vos guste e vos inspire, nel fala da viaxe que inician autores/as e ilustradores/as, con parada en editoriais, imprentas, librarías, para atopar, finalmente, porto seguro en bibliotecas como a nosa a carón dos lectores e lectoras. 

Ademáis, que ledicia nos deu ler a última das liñas do texto: 

"Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo"

Non podía ser máis acaído para dar a benvida á nosa nova mascota. Faísca!!!


E agora imos coa boa nova que adiantamos...

ESTADES CONVOCADAS/OS!!!

Co gallo do Día do Libro a vosa biblio convoca o segundo certame literario no que podedes dar ás á vosa imaxinación, sabemos que hai grandes lectores/as, escritores/as, ilustradores/as nas aulas así que devecemos por botar un ollo ás vosas obras.

Aquí tedes un resumo da convocatoria e ante calquera dúbida... preguntade!


Mira a túa categoría, non esquezas a data e...participa!

Pd: Non esquezas entrar de cando en cando na web da radio, temos novos capítulos do podcast dos "Diarios do Noso Camiño" e novas entrevistas no programa "O falar da xente" así coma outros programas que están a piques de saír do forno de Radio Cigurat!!

mércores, 13 de abril de 2022

Faísca, a nova mascota

 Non foi sen tempo!

Recibimos tantas propostas de mascota para a nosa renovada biblioteca e tan boas que foi moi complexa a escolla así que o primeiro que queremos e dar o agradecemento polas participacións.



Nunha primeira fase escollimos unhas mascotas finalistas 


E finalmente seleccionamos a mascota que representará á nosa biblioteca alá onde sexa preciso e puxémoslle un nome.  Agardamos que todos/as vos sintades orgullosos e orgullosas da mascota escollida que ademáis de reunir as ideas que moitos/as tivéchedes para a mascota é tamén un elemento moi recoñecible e reproducible e distintos formatos, característica que tamén tivemos en conta.

A mascota é unha FOLLA LECTORA unha folla de carballo capaz de viaxar, axudar, traer novas, voar e mesmo brillar, por iso o seu nome é FAÍSCA.



Unha faísca é unha partícula incandescente que pode vir do lume ou producirse co choque doutros elementos. (Coma a luz que nos dan as vosas fabulosas ideas ao ser compartidas...)

Así que podedes darlle a benvida a FAÍSCA, a mascota de BiblioNós. e tamén a noraboa a UXÍO (2ºB) pola creación da mesma. El tamén recibiu o gran premio por traer a proposta gañadora!



Parabéns a todos e todas!