venres, 1 de novembro de 2019

Achegamento a Xapón

Cando remate este curso estaremos nas portas de iniciar uns novos Xogos Olímpicos. No 2020 celebraranse no Xapón, un dos lugares máis afastados de nós. Os xaponeses teñen unha cultura moi diferente á nosa, e se queremos coñecelos sen viaxar teremos que preguntarlle a alguén que estivese alí. Por iso convidamos a Emilio, que viviu e traballou en Tokio durante dous anos. Contounos moitas cousas curiosas sobre este país. Queredes acompañarnos?

BIBLIOTECA CREATIVA


http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=40

O pasado día 25 de outubro desenvolveuse na EGAP de Santiago de Compostela unha xornada de formación para os centros integrados no programa "Biblioteca Creativa. Comunicación e cidadanía". Douscentos centros forman parte deste programa repartido entre "Biblioteca Creativa" (antigo proxecto "Escornabots") e "Radio na biblio". O C.E.I.P. "Juana de Vega" foi seleccionado para os dous programas desde o presente curso. 
Se queres ter acceso aos materiais, preme no cartel. 
Dúas compañeiras do equipo participaron na actividade, recollendo información e material, e serán as encargadas de comunicalo ao claustro de profesores para a súa utilización no desenvolvemento do curriculo. Eis un resumo, incluíndo imaxes propias e de diferentes presentacións.
Biblioteca Creativa 19 from Biblionós on Vimeo.

luns, 21 de outubro de 2019

Día da Biblioteca

O xoves, día 24 de outubro deste ano, celébrase o "Día da Biblioteca", por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil

Como cada ano dispoñemos dun cartaz e dun pregón para conmemoralo. Este último correu a cargo da escritora Gemma Pasqual i Escrivà, (traducido ao galego por Héctor Cajaraville) e a ilustración é obra de Miguel Calatayud
Con esta boa nova, inauguramos a actividade do noso blog neste curso 2019-2020, que chega cargadiño de novidades e sorpresas. Queda un mundo por descubrir neste novo ano escolar. Manterémosvos informados. 

mércores, 12 de xuño de 2019

In Memoriam: Charo Sánchez-Gabriel

Hoxe acabamos o día cunha nova moi triste: o pasamento da nosa compañeira Charo Sánchez-Gabriel, responsable durante moitos anos da biblioteca do IES Sánchez-Cantón de Pontevedra. Permitídenos desde este blog rendirlle homenaxe coa carta compartida pola rede de Bibliotecas Escolares Galegas.

 Querida compañeira, querida amiga.
Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza.

Hai tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuiches a fundar. E xa daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos.

A túa forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para quenes tivemos a honra de tratarte.

Xa daquela, cando a enfermidade se cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas escolares de Galicia, un valeiro irreemplazable.
Pero o de hoxe é definitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti!

As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante.

Os que te coñecimos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia.

Os que non tivéchedes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: http://mesturas.blogspot.com/

Ata sempre, Charo!
Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE

martes, 11 de xuño de 2019

XURXO MARIÑO

Mañá mércores visitará o noso centro Xurxo Mariño, o noso Phileas Fogg particular. 
Xurxo Mariño é un científico que traballa no campo da neurociencia, e que tivo a xenial idea de dar a volta ao mundo, pero sen présas. Grazas á súa xenerosidade podemos disfrutar dun amplo álbum de fotografías, que ilustra como está o noso mundo hoxendía. 
Na súa páxina podemos tamén observar videos moi interesantes, sobre distintos lugares do noso planeta que sería difícil que nós puidésemos visitar... aínda que nunca se sabe!





luns, 27 de maio de 2019

Booktubers, o inicio

Este é o video que inaugurará a nosa canle de "Booktubers". Será un espazo para que poidades compartir os vosos gustos pola lectura, recomendando os libros que máis vos gustan, e indicando o camiño para atopalos na biblioteca do noso centro.

luns, 20 de maio de 2019

MARATÓN DE LECTURA 2019

O mes de abril estivo partido en dous polas vacacións, e delas volvimos con azos para enfrontar a nosa "Maratón de lectura". Alumnado, profesorado e familias participaron nesta celebración do día do libro, que para nós estivo marcada por unha personaxe principal: Phileas Fogg e a súa viaxe arredor do mundo.


Sentimos non dispoñer de máis imaxes: non están todos os que foron, pero foron todos os que están. Grazas a todos e a todas por participar!

Quedounos por contar (II): Marzo e Ana Mª Fermández

Aínda que xa pasaron algunhas semanas, cómpre lembrar a esperada visita de Ana María Fernández, a nosa "poeta de cabeceira" para este curso. Antes da súa chegada xa coñeciamos a súa poesía, porque levábamos apañados moitos dos seus versos desde os tendais dos corredores. Agora que sabíamos como escribía so faltaba saber como era, e escoitala, e compartir con ela unha mañá de primavera.

mércores, 1 de maio de 2019

QUEDOUNOS POR CONTAR... (I)

O pasado mes de marzo celebramos o noso "I Concurso de Lectura de Poesía en voz alta". Foron 21 os participantes que se anotaron previamente e presentáronse puntuais na biblioteca para ler o poema que prepararan. Nervos, dúbidas, pero moitas gañas de participar. Son os primeiros concursantes da nosa xoven biblioteca. Pedimos disculpas pola calidade do primeiro video. Son cousas "do directo".
Despois destes pequenos valentes, participaron os alumnos e alumnas de terceiro e cuarto de primaria.



E finalmente, os maiores:





Agradecemos a participación de todos e de todas, e tamén á ANPA, que formou parte do xurado.

luns, 1 de abril de 2019

Día Internacional do Autismo


Esta é a versión audiovisual do conto "El cazo de Lorenzo", escrito por Isabel Carrier e publicado pola Editorial Juventud. Narra a historia  de Lorenzo, un neno que ten que arrastrar sempre con el un cazo, que ás veces resulta molesto, e outras, ábrelle posibilidades que outros non teñen.


Día do Libro Infantil e Xuvenil

https://drive.google.com/file/d/148upWc5U2z_BIjN4Ft_yR6eRPvjGJSv5/view?usp=sharingConmemórase como cada 2 de abril o "Día do Libro Infantil Infantil e Xuvenil", unha data escollida para lembrar o aniversario de Hans Christian Andersen. Con este motivo, o IBBY (International Board on Books for Young People) e as súas seccións OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), difunden todos os anos un cartel e un relato dun autor coñecido na literatura infantil e xuvenil. O país escollido nesta ocasión é Lituania, co seu escritor e ilustrador Kestoutis Kasparavicius.
Se clicas no cartel, terás acceso ao texto do escritor lituano.

mércores, 27 de marzo de 2019

Gracia Santorum e o album ilustrado

Dentro das actividades programadas no Proxecto de Formación do Profesorado, desenvolvemos mensualmente un "Obradoiro das familias", para tratar cuestións arredor da lectura, especificamente infantil e xuvenil. Grazas á colaboración co Centro de Formación e recursos, o martes, día 2 de abril, a partir das 16.00 horas contaremos coa presenza de Gracia Santorum, unha das mantedoras do blog "Trafegando Ronseis", e especialista neste tema que tanto nos gusta. Gracia compartirá con nós unha tarde falando dos álbumes ilustrados. A actividade estará aberta á comunidade. 

"I Concurso de lectura de poesía en voz alta"


Este venres, día 29 celebraremos na biblioteca o "I Concurso de lectura de poesía en voz alta".
Trátase de que os interesados en participar escollan o seu poema favorito, e o lean, en voz alta, diante do xurado proposto pola biblioteca. Se che gusta ler en voz alta, e che gusta a poesía, esta é a túa oportunidade. 
Anótate utilizando a folla de inscrición.

domingo, 10 de marzo de 2019

A poesía de Ana Mª Fernández

O mes de marzo é o mes da poesía. Este curso escollemos unha autora de aquí, Ana Mª Fernández, que escribiu para maiores e pequenos. Ana tamén é mestra, e sabe moito dos nosos gustos. Publicou obras de teatro, narracións, ensaios e, por suposto, poesía.
  

Podes investigar sobre a súa biografía e outras obras publicadas na web, onde tamén encontrarás un dos seus poemas, musicado por "Mamá Cabra". Tomámolo prestado do blog da biblioteca do C.E.I.P. "Isaac Peral":

xoves, 28 de febreiro de 2019

Mandadiño do venres

Chegamos ao venres con gran emoción.

Prepárate para un día cheo de acción.

Coñeceremos culturas de gran tradición

e necesitaremos todas a vosa ilusión.

 

 

mércores, 27 de febreiro de 2019

 

 

Terminou a nosa viaxe

e tés que buscar na túa equipaxe.

O teu disfrace preferido tés que elixir

para que no cole o poidas lucir.

martes, 26 de febreiro de 2019

Mandadiño do mércores

Se queres viaxar sen sobresalto

non esquezas facer un alto

para seguir con esta aventura

e poder adornar a túa cintura.

luns, 25 de febreiro de 2019

Mandadiño do martes

Se elegante queres ser

unha camisa tés que poñer:

flores, raias ou cadros pode ter.

Pero o da cabeza tés que manter.

 

domingo, 24 de febreiro de 2019

MANDADIÑO DO LUNS

 

A viaxe arredor do mundo vai comezar

cada un dos continentes imos visitar.

Se nesta aventura te queres enrolar

algo na cabeza has de levar.

Aniversario de Rosalía de Castro

Tal día coma hoxe, naceu en Santiago de Compostela Rosalía de Castro. Así que hoxe é o seu aniversario. Cando alguén cumpre anos é costume facerlle un agasallo. Como hoxe non estamos na escola, mañá imos celebralo, durante o recreo. Pero, en lugar de chuches repartiremos poemas. 
Se queres participar na celebración, non tés máis que vir co teu poema de Rosalía (breve), e lelo ben clariño. 
Rosalía sempre viva.

domingo, 17 de febreiro de 2019

Memoria de Xaneiro



Non queremos que quede atrás o traballo realizado durante o mes pasado. Escollemos outro tipo de viaxe, unha viaxe triste que nos fai poñernos no lugar dos que sofren. Os refuxiados que escapan do seu país fixéronnos ler, buscar nos mapas, escoitar as súas historias, contemplar as súas facianas nos campos de refuxiados a través das fotografías de Felipe Carnotto. Cada un de nós buscou a forma de poder axudar, e todos xuntos cantamos unha canción que convida a construir pontes e derrubar muros.

Cando as familias contan

Estamos habituados a falar da "comunidade escolar" ou "comunidade educativa" no papel, pero poucas veces compartimos as experiencias que día a día vivimos nas aulas, e que enriquecen a escola e a vida familiar, como un camiño continuo e fluido, unha viaxe de ida e volta diaria na que participamos da mesma tarefa: educar. Imos propoñer, comezando por este, exemplos nos que a se amosa boa comunicación, empatía e xenerosidade. No medio do ruido, un tempo para presumir dos bos momentos que pasamos xuntos. Grazas, máis unha vez, Alicia, polo teu fermoso traballo.