Amosando publicacións coa etiqueta celebración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta celebración. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de maio de 2020

DÍA DA FAMILIA

Hoxe celebramos o "Día Internacional da Familia". Así o explican na páxina web da O.N.U.:



"O Día Internacional das Familias celébras o 15 de maio de cada ano para crear conciencia sobre o papel fundamental das familias na educación dos fillos desde a primera infancia, e as oportunidades de aprendizaxe permanente que existen para os nenos, as nenas e os xóvenes."




Nestes últimos meses estamos a ver o decisivo que é o papel da familia, e moitos estamos redescubrindo o valor que ten nas nosas vidas, e o imprescindible que é darlles apoio... Son a base da nosa sociedade. Pero non só na educación, ou na economía, senón no máis importante. Aquí vos deixamos este fermoso video que representa o conto de Carmen Parets "Un puñado de botóns".



mércores, 29 de abril de 2020

Día Internacional da Danza

Xa van unha chea de celebracións dede que estamos na corentena! Pero procuramos non deixar ningunha sen festexar. E esta, menos aínda, porque se trata de bailar! Hoxe é o "Día Internacional da danza" e non podemos deixar de agradecer ao "Salón Virtual do Libro", e ao grupo "Pesdelán" a súa xenerosidade por compartir connosco todo o que saben facer tan ben. Aquí deixamos o video para que todos aprendamos a danzar: "O frevo" de Brasil, "O Pai Pauliño" e o "Pesiño" de Galicia, "O Kulalai" de Euskadi, e o "Baiâo" de Portugal.

martes, 31 de marzo de 2020

"UN POEMA NA TÚA VOZ"

Este é o título que GÁLIX escolleu para celebrar o Día da Literatura Infantil e Xuvenil neste 2020. 
O obxectivo é incentivar a lectura do xénero poético entre as familias, e especialemente entre o lectorado infantil e xuvenil, estimulando a expresión oral en lingua galega e divulgando a creación poética de autores e autoras galegos. 

Animádevos a participar! Tedes ata o 10 de abril!
Consultade as bases do concurso na web de GÁLIX. 

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Como cada ano nestas datas, o IBBY chama a celebrar, no 2 de abril, do "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil", co obxectivo de "promocionar os bós libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos"

O manifesto deste ano, "Fame de palabras", foi ideado polo autor esloveno Peter Svetinai, e ilustrado por Damijain Stepancic. 

GÁLIX propuxo a Héctor Cajaraville como tradutor do texto.




luns, 21 de outubro de 2019

Día da Biblioteca

O xoves, día 24 de outubro deste ano, celébrase o "Día da Biblioteca", por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil

Como cada ano dispoñemos dun cartaz e dun pregón para conmemoralo. Este último correu a cargo da escritora Gemma Pasqual i Escrivà, (traducido ao galego por Héctor Cajaraville) e a ilustración é obra de Miguel Calatayud
Con esta boa nova, inauguramos a actividade do noso blog neste curso 2019-2020, que chega cargadiño de novidades e sorpresas. Queda un mundo por descubrir neste novo ano escolar. Manterémosvos informados. 

luns, 20 de maio de 2019

MARATÓN DE LECTURA 2019

O mes de abril estivo partido en dous polas vacacións, e delas volvimos con azos para enfrontar a nosa "Maratón de lectura". Alumnado, profesorado e familias participaron nesta celebración do día do libro, que para nós estivo marcada por unha personaxe principal: Phileas Fogg e a súa viaxe arredor do mundo.


Sentimos non dispoñer de máis imaxes: non están todos os que foron, pero foron todos os que están. Grazas a todos e a todas por participar!

domingo, 10 de marzo de 2019

A poesía de Ana Mª Fernández

O mes de marzo é o mes da poesía. Este curso escollemos unha autora de aquí, Ana Mª Fernández, que escribiu para maiores e pequenos. Ana tamén é mestra, e sabe moito dos nosos gustos. Publicou obras de teatro, narracións, ensaios e, por suposto, poesía.
  

Podes investigar sobre a súa biografía e outras obras publicadas na web, onde tamén encontrarás un dos seus poemas, musicado por "Mamá Cabra". Tomámolo prestado do blog da biblioteca do C.E.I.P. "Isaac Peral":

domingo, 28 de outubro de 2018

SAMAÍN

Todos estades agardando pola festa do Samaín, a festa que da entrada ao Outono. Pero, sabíades que é unha festa viaxeira? O equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do cole preparou un resumo que o explica e ofrece diversas propostas para que coñezas mellor a festa.
En outras culturas, como a mexicana, o "Día de Muertos" honraban ao espírito dos guerreiros, e a tradición pervive como unha festa popular, chea de cores, danzas, e comidas especiais, como sucede coa nosa tradición.
Podes consultar aquí as lecturas que a biblioteca ofrece sobre o tema do medo. Se fas clic sobre o debuxo, podes acceder ás cancións seleccionadas para a festa de samaín deste ano.

xoves, 1 de marzo de 2018

8 de Marzo, dia da Muller Traballadora

O pasado 11 de febreiro celebrouse o "Día da Nena e da Muller na Ciencia", coa finalidade de equilibrar a visibilidade entre os xéneros no mundo científico. Por este motivo, en colaboración co Departamento de Orientación, recopilamos recursos para investigar sobre mulleres científicas. Queda como mostra este "Symbaloo" ao que chamaremos "8 de marzo", e que iremos incrementando con máis enlaces interesantes.  

Cando o amor reborda as paredes

Rematou o mes de febreiro, adicado ao amor e á amizade. Desde o equipo de biblioteca tivemos o atrevemento de pedirlle ás familias que compartisen con nós o seu sentimento de amor polos fillos. O resultado foi espectacular, e queremos agradecelo moi sinceramente. Non caben aquí todas as cartas, e apenas couberon nas paredes da escola, como tampouco cabe o sentimento máis profundo, o que nos emocionou lendo as vosas palabras. Moitas grazas polo vosa colaboración. Reborda. 

mércores, 21 de febreiro de 2018

Aniversario de Rosalía

A finais de febreiro de 1837 nacía en Compostela unha nena á que puxeron por nome Rosalía. Co tempo, convertiríase na muller que escribiu os poemas que todos os galegos recitamos e cantamos,
mesmo sen saber que son obra de ela. Para celebralo, imos organizar na biblioteca un "Recital de poesía", no que poderemos participar todos e todas, escoitando ou recitando os seus poemas. Para saber máis sobre Rosalía, podes premer aquí, onde atoparás información interesante sobre a súa vida e a súa obra, ou visitar a súa páxina web, onde atoparás imaxes da súa propia casa.

domingo, 5 de novembro de 2017

Mercadiño "Troco e Trato"

Desde o luns, día 6 de novembro, e ata o xoves, 9 manteremos aberto o "Mercadiño de Outono: troco e trato". Queremos darlle unha nova vida aos libros que tiveron un breve paso pola nosa biblioteca, e esperamos que os acollades nas vosas casas. So tés que deixarnos 5 castañas a cambio de cada libro.

Se queres participar traendo castañas, pero non levando libros, tamén caben no cesto... Feliz Magosto!

O MAGOSTO

Pois parece mentira... case sen respirar chegamos do Samaín ao Magosto... Para acompañalo, podemos empezar a ambientarnos con un rap ben sinxeliño... 

  

E mentres cantamos, por que non imos aprender algo máis sobre esta festa? De onde ven o nome de "Magosto"? E as castañas, de onde saen? Que teñen de especial? No repositorio ABALAR, atopamos estes recursos:



Aquí tés información e actividades interactivas para poder respostar a calquera pregunta que se che ocorra sobre o Magosto.
E se pinchas na imaxe de embaixo, podes acceder ao material fotocopiable preparado polo C.E.I.P. "Galán", e elaborar un "minilibro" sobre a festa (1º e 2º ciclo):

Podes acceder tamén aos materiais para 5º e .
Desde aquí podes acceder ao conto da "Castaña Dorinda", e aos materiais preparados desde o C.E.I.P. "Victor Sáenz"


luns, 23 de outubro de 2017

24 de Outubro, Día da Biblioteca

http://www.amigosdelibro.com/images/PREGON%202017.jpgCada 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca", en lembranza do incendio da Biblioteca de Saraievo durante a Guerra dos Balcáns, no ano 1992. Aproveitaremos para reflexionar sobre a importancia de conservar o saber, de formarnos como cidadáns responsables, e de utilizar a biblioteca como punto de encontro. 
Cada ano, a "Asociación de Amigos del Libro infantil y Juvenil" escolle un escritor para que conte a súa historia relacionada cos libros, e un ilustrador que sexa quen de representala en imaxes. 
Este ano, Alejandro Palomas (Premio Nacional de Literatura Infantil 2016) é quen escribe sobre os seus recordos de neno, e Manuel Marsol (Premio Internacional de Ilustración Feria de Bolonia - Fundación SM), quen aporta o cartaz. 
Podes ler o texto "Como Mary Poppins, pero sin volar" premendo na imaxe.

domingo, 26 de marzo de 2017

2 de abril, día do Libro Infantil e Xuvenil

Todos os anos, coincidindo co aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil".
Cada ano o IBBY escolle un autor e un ilustrador para difundir a celebración, e este ano foi a federación rusa a encargada. O poeta Sergey Makhotin foi o encargado do texto, e Mikhail Fedorov o da ilustración. 
Se queres celebralo ti tamén, podes aproveitar para reler contos de Andersen. Cantos coñeces? Gustaríache debuxar como imaxinas ti ao soldadiño de chumbo, a sereíña ou ao vaidoso rei nú? Participa na nosa exposición. 

martes, 24 de xaneiro de 2017

30 de xaneiro, día da Paz

O día 30 de xaneiro celebramos o "Día Escolar da non violencia e a Paz", conmemorando a morte dun dos maiores defensores da Paz: Gandhi. 
Unha das súas seguidoras, Indira Gandhi, deixounos esta marabillosa frase: "Co puño fechado non se pode dar a man". Por iso, a man aberta é considerada un símbolo de Paz. Se xuntamos as nosas mans, abrimos a porta á amizade, á comprensión e aos aloumiños. E non hai mellor aloumiño que unha aperta. Por iso, neste día da Paz escollemos a canción "A rumba das apertas", que nos acompañará durante a celebración do día 30.
Se queres aprendela ben, podes baixar a letra premendo aquí
Déixovos un video no que se podemos ver o ben que nos fai esta canción.

xoves, 20 de outubro de 2016

24 de Outubro, día da BIblioteca Escolar

A "Asociación Española de Amigos del libro infantil y juvenil", en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, veñen celebrando desde o ano 1997 o Día da Biblioteca. Os obxectivos desta celebración son: concienciar á sociedade da importancia da lectura e homenaxear o labor dos bibliotecarios e bibliotecarias. Na escola, a Biblioteca Escolar debe ser entendida como "espacio de aprendizaje en el que el profesorado y su alumnado se comprometan con la lectura y la información en diversos soportes, con diferentes grados de complejidad, para construir conocimientos de los temas curriculares, del mundo y de ellos mismos" (Marco de Referencia para Bibliotecas Escolares, MEC, Abril 2011). 

Por isto, e agora que comezamos a dar estes primeiros pasos, non queremos pasar por alto unha celebración tan importante, e abriremos un pouquiño a porta para que vexades como estamos cambiando para convertirnos en espazo de encontro, lecer e investigación. 
Recibimos o agasallo do cartel conmemorativo, obra de Elena Odriozola, e do pregón orixinal de Ledicia Costas, ámbalas dúas gañadoras do Premio Nacional 2015.