Contanse por decenas as actividades, accións e tarefas coas que se alimenta o noso PDI "está en Nós"
Pero hoxe sinalamos unha moi especial.
Co galo do X aniversario do centro reunímonos para gardar unha parte do que somos nun gran bidón que viaxará ao futuro: a nosa cápsula do tempo. Dentro dela van recordos, soños e traballo de cada aula, para que dentro de 10 anos, cando sexa aberta, poidan ou poidamos ver parte de quen eramos, que pensabamos e como viviamos neste 2025.
O noso cole cumple 10 anos, unha década de aprendizaxes, amizade e descubrimentos. Pero tamén sabemos que non somos só presente: vimos dun pasado cheo de historias, costumes e persoas que abriron camiño. Aprendemos delas, e agardamos que un día as xeracións futuras poidan aprender tamén de nós.
Por iso, nesta cápsula non gardamos só obxectos ou palabras. Gardamos identidade, gardamos comunidade, gardamos un pequeno reflexo do que somos Nós hoxe, rodeados pola nosa vila, a nosa natureza e a nosa cultura. E, quen sabe, dentro doutros 10 anos, cando abran de novo a cuberta, descubriremos canto cambiamos e canto segue vivo en nós.
Agardamos que esta cápsula do tempo sexa un fío que nos une co pasado e nos leva ao futuro, lembrándonos sempre de onde vimos, quen somos e cara a onde queremos ir.