xoves, 3 de marzo de 2022

O falar da xente. Entrevistas en Radio Cigurat

 Boas!

Aquí deixamos ligazón ao primeiro capítulo do programa "O falar da xente" o programa de entrevistas de Radio Cigurat.

Neste primeiro episodio o alumnado de 2ºA , tras moitas investigacións sobre a Finca Tenreiro, entrevistou ao alcalde de Oleiros que tivo a ben contestar e explicar moitas cuestións sobre ese espazo cheo de historia e historias. 

Bota unha orella e anímate a descubrilo!

Podedes acceder desde a nosa web de radio (AQUÍ) , desde o logo de Radio Na Biblio da barra lateral ou mesmo nesta imaxe.

Agardamos que vos guste.



Saúdos!


luns, 14 de febreiro de 2022

O noso entroido choqueiro!

Logo chega! Xa case está aquí o entroido!

Que delicia de tempo... cheo de festa, novidades, cores, vestimentas diversas e paparotas e cheo tamén de enerxía e ledicia!


E ti? Xa sabes que son os choqueiros e choqueiras? De calquera xeito seguro que estás moi preto de descubrilo co noso fabuloso Orgullo Choqueiro para o que temos preparadas un montón de de actividades e información. 
Coma adianto quedan aquí os nosos Mandadiños do Meco deste curso, que poderás cumprir de luns a venres da semana previa ao entroido.

Comezaremos coas cores vermella e laranxa o luns 21 de febreiro para rematar coma auténticos choqueiros e choqueiras de todas as cores o venres 25. 

Preparados/as? Aí van os cartaces: 







Como o vedes? Bota un ollo polo teu armario ou mesmo no faiado, rebusca e escolle a túa vestimenta máis divertida para cumprir coas mandas nesta semana chea de leria, que se vexan os/as choqueiros/as!!


martes, 8 de febreiro de 2022

Podcasts no aire!

 A radio escolar segue a dar moito que falar!


Sen dúbida é unha das ferramentas estrela da biblio e non queremos deixar pasar a oportunidade de que escoitedes algunhas das novas creacións.

Aquí tedes un novo programa chamado "Diarios do Noso Camiño" no cal o alumnado de 6º vai contado, a través dos seus diarios de viaxe personais, as súas aventuras facendo un máxico Camiño de Santiago.


Os capítulos da historia son as etapas que percorren (e que agardan seguir percorrendo ata chegar a Santiago de Compostela), neles os propios protagonistas dos diarios relatan as súas vivencias cheas de lendas, retos, misterios, música... 

Neste programa atoparás a mistura perfecta entre a realidade (o que fai o alumnado de 6º) e a ficción (a aventura que enmarca toda esas tarefas) contado cun gusto e imaxinación exquisitos polos propios aventureiros e aventureiras.

Eu xa devezo por saber que sucederá na vindeira etapa así que ti non o perdas tampouco e acompaña a esta rapazada na súa aventura!

Lembra que podes acceder sempre á web da radio clicando na icona da dereita (radio na biblio)! 

martes, 21 de decembro de 2021

Suxerencias de lectura. Decembro 2021

 Boas a todos e todas!

Temos os arquivos cheos de propostas para a nova mascota da biblioteca! Moitas grazas a todos e todas por participar!

Agardamos poder resolver o certame durante o mes de xaneiro para inaugurar a tempada! Puxéchedes moi dificil o tema así que grazas, sodes uns e unhas artistas!

Por outra banda chegou decembro e como é xa tradición deixamos aquí as nosas suxerencias de lectura deste ano.


Tedes suxerencias para pre-lectores/as, primeiras lecturas, lectores/as autónomos/as, expertos/as, xogos que nos gustan e tamén recomendacións para adultos/as!


Agardamos que vos guste e que as vacacións cheguen cun montón de lecturas e aventuras.

Coidádevos moito e desfrutade

Bo aninovo!

martes, 9 de novembro de 2021

CERTAME: BÚSCASE NOVA MASCOTA!!

A BiblioNós está traballando arreo na súa "reforma" e a re-apertura está cada vez máis próxima, menudas ganas!!!

Para celebrar este rexurdimento tras meses moi duros para a biblio buscamos NOVA MASCOTA.

Esta NOVA MASCOTA identificará e divulgará as actividades e accións da biblio e para iso... que mellor que a imaxinación de todos e todas vós?


Por iso CONVOCAMOS CERTAME! Anímate e participa no noso certame para atopar a nova mascota e o seu nome. Podes presentar unha obra en calquera formato sempre que sexa antes do 4 de decembro.

Aquí abaixo deixamos toda a información para o concurso, como participar, o que se terá en conta, premios... Preparadxs? ADIANTE!




domingo, 13 de xuño de 2021

Moita Radio!

Nin que decir ten que, neste curso tan dificil para a nosa biblio a radio foi unha das mellores vías de traballo, unha vez con todo o equipamento instalado comezaron dinámicas e experiencias educativas moi enriquecedoras e con resultados moi satisfactorios, botade unha orella!



Radio-Emociona creouse coma unha serie de programas nos que todas as aulas do cole participaron a través do Plan de Benestar Emocional e cos que obtivemos programas tan emocionantes coma os seguintes (podes facer clic nas imaxes interactivas):


Ademáis están os xa coñecidos podcasts por capítulos (radio-teatro) de Somos os Monstros e A Pequena Compaña

O programa Especial Letras Galegas de 1º e 2º:


Tamén a entrevista internivel "4º pregunta-5ºresponde" na cal os primeiros/as presentan as súas inquedanzas sobre o vindeiro curso aos rapaces e rapazas de 5º e estes/as responden.

 

 E uns especiais de cambio de etapa que prepararon as crianzas de 6º de Educación infantil:


Agardamos que vos gusten moito, nós desfrutamos e aprendemos moitas cousas co noso proxecto de radio que aínda que naceu fai pouco chegou con moita forza e ilusión para medrar cada día e cada curso... e ademáis estamos felices de escoitarnos uns/has aos outros/as cada día! 

Apertas!

xoves, 20 de maio de 2021

Polo Camiño: O conto de infantil

Conmemorando o Día do Libro todo infantil embarcouse na aventura de cantar e contar o conto chamado "Polo Camiño" entre todos e todas e así, a pesar da distancia física puidemos sentirnos máis xuntos/as de novo!

Quedoulles unha historia ben feitiña que podedes desfrutar neste vídeo!


Ah! E o  Certame Literario fica resolto, moi pronto anunciamos gañadores e gañadoras e os seus premios! Noraboa a todos e todas, artistas!