martes, 31 de marzo de 2020

Andersen conta

Desde a nosa escola tamén queremos celebrar o Día do Libro Infantil. Cremos que a mellor maneira é achegarnos ao xénero máis propia da escola, o conto. E os contos de Andersen están por todas partes, e en todas as memorias da infancia. Seguro que se revisades os vosos andeis atoparedes varios. 
Propoñemos que gravedes un vídeo lendo un deses contos. O formato álbum é o máis apropiado, porque non se extende máis de cinco minutos, e ten normalmente imaxes ben atractivas. Se non conseguides un conto con imaxes tamén podedes facer vós as ilustracións. 


Podedes compartilo a través de DRIVE coa biblioteca (biblionos@gmail.com), e nós publicarémolo no blog. Xa sabedes que non é necesario que se vexan as vosas caras, pero se preferides amosar a imaxe lendo tamén sería unha boa idea! 
Participade na celebración da lectura neste mes. Desde a casa, Andersen conta con vós!

"UN POEMA NA TÚA VOZ"

Este é o título que GÁLIX escolleu para celebrar o Día da Literatura Infantil e Xuvenil neste 2020. 
O obxectivo é incentivar a lectura do xénero poético entre as familias, e especialemente entre o lectorado infantil e xuvenil, estimulando a expresión oral en lingua galega e divulgando a creación poética de autores e autoras galegos. 

Animádevos a participar! Tedes ata o 10 de abril!
Consultade as bases do concurso na web de GÁLIX. 

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Como cada ano nestas datas, o IBBY chama a celebrar, no 2 de abril, do "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil", co obxectivo de "promocionar os bós libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos"

O manifesto deste ano, "Fame de palabras", foi ideado polo autor esloveno Peter Svetinai, e ilustrado por Damijain Stepancic. 

GÁLIX propuxo a Héctor Cajaraville como tradutor do texto.




sábado, 28 de marzo de 2020

CATÁLOGO DIXITAL "GALICIA LE"

A plataforma GaliciaLe pon a disposición pública os seus contidos dixitais, para favorecer este tempo de corentena. Esteas rexistrado ou non, terás acceso a libros, revistas e audiovisuais de xeito gratuíto. Unha vez rematada a corentena disporás de 30 días para achegarte a unha biblioteca pública e xestionar o teu carné de usuario. 

venres, 27 de marzo de 2020

DIA MUNDIAL DO TEATRO

Tal como nos indican na páxina da Asesoría de Bibliotecas, o Instituto Internacional do Teatro estableceu en 1962 que este día lembraríamos a reapertura do Teatro das Nacións en París. Así promovemos o 27 de marzo o teatro en todas as súas formas, e tomamos conciencia do seu valor en todas as culturas. 
O dramaturgo paquistaní Shahid Nadeen encargouse de redactar o manifesto: "O teatro como santuario"
Para celebralo, imos compartir algunhas propostas:
Caramuxo teatro comparte "Na casa", teatro para bebés, con música e cancións.
Tanxarina títeres interpreta: "A galiña azul".
Tedes tamén pezas teatrais en video na Biblioteca Virtual Galega (é preciso que as descarguedes).
Dispoñedes dun espazo teatral no Estudio 1 de RTVE.
E cada día, ás 18.00 horas diferentes artistas comparten as súas creacións na súa páxina de facebook en Teatros del Canal.

Agora temos que facelo desde a casa. Pero cando pase todo isto, ide ao teatro!





xoves, 26 de marzo de 2020

Biblioteca na casa

A rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña puxo en marcha unha interesante actividade que se desenvolve todos os días ás 18.00 horas: contan contos desde a biblioteca. So tedes que acceder á súa páxina de facebook, e seguir a retransmisión. Aínda así, os videos quedan aloxados no perfil, así que podedes acceder a eles sempre que o desexedes. 
Deixamos aquí a lectura dun libro de Mar Benegas, unha das nosas "poetas de cabeceira". Este libro tamén o temos na nosa biblio!:

Banda deseñada: CARRIANDOLA

Desde  Aira Editorial adiántanse á publicación de "Carriandola", prevista para o vindeiro mes, e comparten de balde e temporalmente a obra, para que poidamos seguir as aventuras da súa protagonista, a nena Mariña. 
Agardamos con paciencia que a corentena pase, e poidamos ter nas mans este libro, pasar as súas follas de papel e apreciar o recendo da tinta fresca. Se premes aquí tés acceso á páxina da editorial para descargalo. 

"A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza"

A través de aulas galegas chéganos esta proposta de lectura. 
Este é un dos álbumes máis coñecidos entre o alumnado . O C.E.I.P. "Anxo da Garda", da Coruña, elaborou esta fermosa versión.


(Conto con pictogramas elaborado polo CEIP Plurilingüe “Anxo da Garda”. A Coruña, 2017. “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”, Werner Holzwarth/Wolf Erlbruch. Tradución de Franck Meyer. Editorial Kalandraka. Música de Magoia Bodega cantada por Manuel R. Crespo. Os símbolos pictográficos utilizados son propiedade de CATEDU (http://catedu.es/arasaac/) baixo licenza Creative Commons e foron creados por Sergio Palao http://anxopictogramas.blogspot.com.es/ )

sábado, 21 de marzo de 2020

ESCÓITASME?

Grazas á colaboración das familias chega a nós información sobre esta proposta da Fundación Luís Seoane. Trátase dunha actividade en liña para que "os nenos e as familias poidan compartir coñecementos, entrevistar convidados e propoñer actividades para estes días de peche das rúas". 
Só hai que encher unha folla de inscrición que podes descargar premendo aquí
A primeira sesión desenvolverase o sábado día 21, "Día da Poesía", de 17 a 18 horas. 

xoves, 19 de marzo de 2020

Papá

Hoxe non é un día máis. É o día dos papás. Os papás tamén están nos contos. Estes son dous bós exemplos.

O "Coronaconto"

Este mes debería estar a celebrarse o "Salón do Libro" de Pontevedra. É unha mágoa, porque estes eventos facilitan o acceso directo ás empresas editoriais, o encontro persoal, o intercambio. Por fortuna, as redes sociais van mermar o impacto que o coronavirus terá no intercambio de experiencias, e o Salón facilitará o acceso aos materiais en liña. Mediante as RR.SS., de 12.00 a 12.30 e de 17.30 a 18.00 publicarán recursos e novidades. Este que partillamos agora é un conto moi oportuno para abrir rego neste etapa de confinamento.

mércores, 18 de marzo de 2020

MUSIQUEANDO

Damos a benvida ao entorno dixital á aula de música. María decidiu crear un blog para que non abandonemos esta parte tan importante da nosa formación. Desde hoxe aparece no encabezado do noso blog, para compartir arte, melodías, bailes e tradición. Podedes aproveitar agora e botarlle unha ollada premendo na imaxe. 

luns, 16 de marzo de 2020

Quedo na casa

Estes días toca quedar na casa, para protexernos e protexer aos demais. Un xesto sinxelo e heroico, ao mesmo tempo, porque estamos renunciando á nosa mobilidade en favor de todos os nosos viciños. Quedar na casa supón unha oportunidade para tomar todo con máis calma, para falar e coñecernos mellor e, por que non, para aburrirnos tamén. Xa que imos ter tempo para todo, desde a escola queremos compartir unha webmix na que podedes atopar recursos de todo tipo, desde visitar un museo ata pintar, xogar, facer un quebracabezas ou simplesmente escoitar música ou un conto. Podes mergullar nela e descubrir o que agocha. Pero non o esquezas: #quedanacasa.