martes, 23 de xuño de 2020

HERBAS DE SAN XOÁN

Esta noite é noite de meigas e maxia: é a noite de San Xoán. O inicio do ano para a Natureza, o feliz solsticio que dá paso ao verán. É tradición deixar a remollo ao luar un ramo de herbas escollidas para lavar a cara con esa auga fresca na mañá de San Xoán. 
Desde a páxina de Orgullo Galego partillan esta fermosa ilustración. Sería un bo propósito dar un paseo polo monte e apañar as herbas que garantan a saúde para a nosa pel e o noso benestar neste verán. Case nada! Feliz San Xoán!

sábado, 13 de xuño de 2020

FEIRAS DO LIBRO


Agora que temos que ir adaptándonos á "nova normalidade", precisamos de recuperar certas rutinas, celebracións que antes pasaban desapercibidas por ser habituais cada vez que se achega o verán. Se aproveitamos a chegada do bo tempo co desconfinamento para pasear polo noso país teremos a fortuna de poder concidir coas Feiras do Libro que se celebran a partir de hoxe mesmo en Compostela. En Vigo, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Foz e A Coruña xa están as datas fixadas. 

Nas Feiras do Libro non só se venden libros. Podedes encontrarvos co voso autor ou autora favorito, asistir a recitais de poesía ou de música, ser testemuñas da presentación de novidades, acodir co voso exemplar para ser asinado polo autor ou autora, escoitar contos, presenciar representacións teatrais, participar en debates, xogos, obradoiros,  ... 

Non deixedes de visitar a vosa libraría de referencia, e participade da celebración da letra escrita, da tradición e da festa dos libros. 

APADRIÑAMENTOS

Estamos no camiño final deste curso tan diferente e desde a biblioteca queremos dar as grazas ao alumnado que participou nalgunha das propostas de colaboración da mesma.

Hoxe, queremos agradecer a labor das madriñas e dos padriños de 6º de E.P., que visitaron, contaron contos, recitaron poemas ou explicaron o manexo dos Escornabots ao alumnado de 5º de E.I. Incluímos unhas breves notas dalgúns deles, nas que explican como o vivenciaron:





Moitas grazas a todas e a todos! Queremos que o vindeiro curso os pequerrechos do noso cole volvan ter uns padriños / madriñas así de estupend@s. E que vós teñades toda a sorte do mundo no paso á Secundaria.
Saúdos agarimosos do Sr. Pippín

venres, 12 de xuño de 2020

Unha fin de semana de chuvia

Seguindo as suxestións do Departamento de Orientación, propoñemos unha moi breve selección de propostas para esta fin de semana que se aveciña de chuvias e frío primaverais. Aínda queda moito que compartir. Esta é a nosa humilde proposta seleccionada entre recursos da web e do noso cole.