martes, 21 de decembro de 2021

Suxerencias de lectura. Decembro 2021

 Boas a todos e todas!

Temos os arquivos cheos de propostas para a nova mascota da biblioteca! Moitas grazas a todos e todas por participar!

Agardamos poder resolver o certame durante o mes de xaneiro para inaugurar a tempada! Puxéchedes moi dificil o tema así que grazas, sodes uns e unhas artistas!

Por outra banda chegou decembro e como é xa tradición deixamos aquí as nosas suxerencias de lectura deste ano.


Tedes suxerencias para pre-lectores/as, primeiras lecturas, lectores/as autónomos/as, expertos/as, xogos que nos gustan e tamén recomendacións para adultos/as!


Agardamos que vos guste e que as vacacións cheguen cun montón de lecturas e aventuras.

Coidádevos moito e desfrutade

Bo aninovo!

martes, 9 de novembro de 2021

CERTAME: BÚSCASE NOVA MASCOTA!!

A BiblioNós está traballando arreo na súa "reforma" e a re-apertura está cada vez máis próxima, menudas ganas!!!

Para celebrar este rexurdimento tras meses moi duros para a biblio buscamos NOVA MASCOTA.

Esta NOVA MASCOTA identificará e divulgará as actividades e accións da biblio e para iso... que mellor que a imaxinación de todos e todas vós?


Por iso CONVOCAMOS CERTAME! Anímate e participa no noso certame para atopar a nova mascota e o seu nome. Podes presentar unha obra en calquera formato sempre que sexa antes do 4 de decembro.

Aquí abaixo deixamos toda a información para o concurso, como participar, o que se terá en conta, premios... Preparadxs? ADIANTE!




domingo, 13 de xuño de 2021

Moita Radio!

Nin que decir ten que, neste curso tan dificil para a nosa biblio a radio foi unha das mellores vías de traballo, unha vez con todo o equipamento instalado comezaron dinámicas e experiencias educativas moi enriquecedoras e con resultados moi satisfactorios, botade unha orella!



Radio-Emociona creouse coma unha serie de programas nos que todas as aulas do cole participaron a través do Plan de Benestar Emocional e cos que obtivemos programas tan emocionantes coma os seguintes (podes facer clic nas imaxes interactivas):


Ademáis están os xa coñecidos podcasts por capítulos (radio-teatro) de Somos os Monstros e A Pequena Compaña

O programa Especial Letras Galegas de 1º e 2º:


Tamén a entrevista internivel "4º pregunta-5ºresponde" na cal os primeiros/as presentan as súas inquedanzas sobre o vindeiro curso aos rapaces e rapazas de 5º e estes/as responden.

 

 E uns especiais de cambio de etapa que prepararon as crianzas de 6º de Educación infantil:


Agardamos que vos gusten moito, nós desfrutamos e aprendemos moitas cousas co noso proxecto de radio que aínda que naceu fai pouco chegou con moita forza e ilusión para medrar cada día e cada curso... e ademáis estamos felices de escoitarnos uns/has aos outros/as cada día! 

Apertas!

xoves, 20 de maio de 2021

Polo Camiño: O conto de infantil

Conmemorando o Día do Libro todo infantil embarcouse na aventura de cantar e contar o conto chamado "Polo Camiño" entre todos e todas e así, a pesar da distancia física puidemos sentirnos máis xuntos/as de novo!

Quedoulles unha historia ben feitiña que podedes desfrutar neste vídeo!


Ah! E o  Certame Literario fica resolto, moi pronto anunciamos gañadores e gañadoras e os seus premios! Noraboa a todos e todas, artistas!

luns, 17 de maio de 2021

Letras Galegas 2021: Xela Arias

Si!

Chegan as participacións no certame literario a mans do xurado que, ademáis de resolver o crebacabezas que isto supón, está preprarando todos os premios para os autores e autoras das obras gañadoras en cada categoría! 

En moitos casos hai moita calidade e é un gusto lervos! Sodes uns e unhas artistas!

Sede  algo pacientes que pronto resolvemos!




Ademáis aquí viñamos contar algunhas das cousas que estivemos facendo en torno ao Día das Letras Galegas e á figura da homenaxeada deste ano: Xela Arias, a quinta muller, á que se lle adica esta data tan especial polo seu labor a prol da lingua (de 61 homenaxeados/as).

Os traballos foron moitos e moi diversos, desde cursos nos que crearon un libro ilustrado coa súa biografía que agardamos poder publicar pronto por aquí a xogos, teatro, música...

En terceiro estivemos cantando e signando con esta canción na que A Banda da Loba visita os versos de Xela Arias e a verdade é que non se deu nada mal... ademáis aproveitamos para coñecer máis poemas do libro que adicou ao seu fillo e tamén para coñecer a Darío a través da prensa e do documental "A palabra esgazada" da RAG... pode que aínda lle deamos algunha que outra volta á canción que tanto nos está a gustar.


Desde 1º e 2º preparamos o noso primeiro programa de radio completo e non foi outro que o "Especial Letras Galegas", nel un grupo fixo un acróstico/adiviña, outro unha peza de radio teatro na cal buscaban a Xela Arias polos seus versos, estará no parque? na praia?... outro grupo, sabendo que Xela Arias traballou máis de 10 anos nunha editorial, contactou con Lucía Puebla, unha redactora da Editorial Penguin á que fixeron unha entrevista para coñecer máis o seu traballo, outro grupo interpretou un rap no que falan da vida e obra de Xela Arias e, por suposto, un grupo foi o encargado de conducir todo o programa facendo as introducións, aportando datos, creando os peches, etc. Todo isto podedes escoitalo aquí abaixo e tamén no espazo dos nosos podcasts (premendo no logo de RADIO NA BIBLIO)


Tamén noutros grupos investigamos e coñecemos máis cousas de Xela Arias a través dun xogo tipo "sala de fuga" no cal estabamos atrapados/as na biblio e tiñamos que resolver retos antes de que chegara o segundo bus para obter toda a información necesaria. Premendo na imaxe de abaixo podes xogar de novo.



E incluso algúns/has comezamos a facer aportacións, despois do xogo, no "Proxecto Xela Arias" coas nosas imaxes e poesías ao estilo da obra "Tigres coma cabalos" na que Xela Arias e Xulio Gil uniron fotografía e poesía Nós accedemos a unha web/app na que crear unha obra colaborativa que misture tamén fotografía e poesía.

Isto foi só un pequeno resumo de todo o traballado, agardamos que desfrutedes dalgúns resultados como o programa de radio que, para ser o primeiro dos grupos do primeiro ciclo quedou ben feitiño!



Ata a próxima e FELICES LETRAS!

venres, 23 de abril de 2021

Dia do Libro 2021: Certame literario!

Feliz día do libro a todas e todos!!

Temos unha boa nova!:


Primeiro achegamos este texto de Elvira Ribeiro para conmemorar a data que agardamos que vos guste, vos inspire...


E agora imos coa boa nova que adiantamos...

ESTADES CONVOCADAS/OS!!!

Co gallo do Día do Libro a vosa biblio convoca un certame literario no que podedes dar ás á vosa imaxinación, sabemos que hai grandes lectores/as, escritores/as, ilustradores/as nas aulas así que devecemos por botar un ollo ás vosas obras.

Aquí tedes un resumo da convocatoria e ante calquera dúbida... preguntade!

Mira a túa categoría, non esquezas a data e...participa!


Agardamos que os bosques vos sexan de inspiración para as obras, ánimo!

luns, 12 de abril de 2021

Nemorosos fondos

A biblio non pasa o seu mellor momento, é algo temporal...  pero aínda así podemos atopar unha fermosa selección de títulos moi acaídos para o proxecto dos bosques, 

Contos para ver, para contar, con sorpresa, con música, libros de información, teatro, álbum ilustrado, poesía, narrativa... un mundo de posibilidades ao noso alcance.

Agardamos que poidades desfrutar algúns dos títulos desde as vosas aulas! 

Aquí podedes ver algúns:



Permanecede atentos/as a este blogue que... moi pronto... novidades interesantes!

martes, 2 de febreiro de 2021

Os mandadiños!

 Bo día!

Un pasiño detrás doutro, devagar... e xa estamos en febreiro! Achégase o entroido, por fin!

Pode que non sexa como o doutros anos pero mantemos a ledicia, como non! e que non a perda ninguén! Así que para que vaiades abrindo boca e pensando deixámosvos os mandadiños deste ano, estades listas e listos??

Antes disto lembramos:

  • Os mandadiños cúmprense a semana do 8 ao 12 de febreiro, anunciando a chegada do entroido.
  • Este ano, por seguridade, facilidade, etc. os mandadiños NON serán acumulativos.
  • Coma sempre, pero este ano especialmente, tendo en conta a situación, os peches perimetrais, etc. lembrámosvos que cumprades cos mandadiños empregando o que xa tedes: reutiliza, repensa, recicla...
  • Coma sempre, cumprir cos mandadiños do Meco non é obrigado pero animámosvos a participar canda nós, vai! é tan sinxelo coma divertido!

Aquí quedan os mandadiños do Meco 2021:







Animádevos e ide pensando, pronto máis entroidescas* novas!


Lembrádevos que tamén podedes visitar entradas anteriores deste blogue, a sección da radio ... e tamén seguir á biblio no insta!

martes, 19 de xaneiro de 2021

Adentrándonos no bosque

 Ola! 

Agora que todas as nemorosas ideas percorren os corredores da escola continuamos avanzando desde candanosa burbulla no percorrido do proxecto.


Xurden as primeiras investigacións, libros, cancións, podcasts, contos incluso plans con espírito xaponés (xa veredes xa...) que percorren toda vida escolar desde a ciencia á literatura, desta ás artes e, por suposto ás emocións.

Así que non podemos deixar de traer esto para as nosas propostas de aula.  Dado que, polo de agora, non podemos asistir aos teatros (ai...) pois o teatro ven a nós con este recurso tan acaído.

Grazas á Compañía de Títeres Sol y Tierra podemos desfrutar e empregar a obra "Nanuk en el bosque de las emociones", e que marabilla para o noso percorrido nemoroso e emocional! Nanuk atoparase con animais do bosque que de seguro coñecemos e traballamos como a lebre, o raposo ou golpe, a rá... e que máis? e visitará un montón de emocións na súa aventura!



E para maior accesibilidade aquí tedes a versión con subtítulos e lingua de signos!



Nemorosas apertas!



xoves, 14 de xaneiro de 2021

Escóitasnos?

Escoitádesnos?

Como sabedes o cole participa no programa "Radio na biblio" e aínda que hai moito por construír xa temos o noso espazo "no aire" e capítulos dos podcast que todos e todas podedes escoitar.


Se facedes clic na imaxe lateral do micro chegaredes á web da radio, polo de agora podedes desfrutar dos capítulos dos podcasts de "Radio Golosinosa" (4ºA) e dos de "Os trasnos da radio" (4ºB) ámbolos dous equipos traballan nunhas ficciós sonoras vencelladas ao proxecto "os bosques" e interpretadas e sonorizadas por eles mesmos,  baseadas nas obras; "Somos os monstros" de Paula Carballeira e "A pequena compaña" de Carlos Labraña, contiúan a traballar (aínda que con medios algo rudimentarios) nos capítulos que saen periódicamente mais aínda que fagades clic no último de cada serie atoparedes ao comezo do mesmo un resumo do acontecido ata o momento. Animámosvos a botar unha orella ás nosas primeiras andainas coa Radio Na biblio!


Ademáis de na web, aquí deixamos tamén os últimos dous capítulos para que vos enganchedes a estas historias!

4. Hora de durmir: A noite alberga soños, e tamén misterios, seica isto non é un hotel pero, logo? esto que é? que facemos aquí? os novos amigos de Xoaniña están a piques de desvelar un terrible segredo. 4º capítulo da obra A pequena Compaña de Carlos Labraña interpretada por Radio Golosinosa de Radio Nós do CEIP Juana de Vega


3. Quen teme a quen? : A que temedes? que tememos? a xente continúa na procura das crianzas perdidas no bosque, terra de monstros. 3º capítulo da obra Somos os monstros de Paula Carballeira, interpretada e sonorizada por "Os trasnos da Radio" de Radio Nós, o CEIP Juana de Vega.


Agardamos que vos guste, non deixes de visitarnos!