xoves, 1 de marzo de 2018

8 de Marzo, dia da Muller Traballadora

O pasado 11 de febreiro celebrouse o "Día da Nena e da Muller na Ciencia", coa finalidade de equilibrar a visibilidade entre os xéneros no mundo científico. Por este motivo, en colaboración co Departamento de Orientación, recopilamos recursos para investigar sobre mulleres científicas. Queda como mostra este "Symbaloo" ao que chamaremos "8 de marzo", e que iremos incrementando con máis enlaces interesantes.  

Cando o amor reborda as paredes

Rematou o mes de febreiro, adicado ao amor e á amizade. Desde o equipo de biblioteca tivemos o atrevemento de pedirlle ás familias que compartisen con nós o seu sentimento de amor polos fillos. O resultado foi espectacular, e queremos agradecelo moi sinceramente. Non caben aquí todas as cartas, e apenas couberon nas paredes da escola, como tampouco cabe o sentimento máis profundo, o que nos emocionou lendo as vosas palabras. Moitas grazas polo vosa colaboración. Reborda. 

mércores, 21 de febreiro de 2018

Aniversario de Rosalía

A finais de febreiro de 1837 nacía en Compostela unha nena á que puxeron por nome Rosalía. Co tempo, convertiríase na muller que escribiu os poemas que todos os galegos recitamos e cantamos,
mesmo sen saber que son obra de ela. Para celebralo, imos organizar na biblioteca un "Recital de poesía", no que poderemos participar todos e todas, escoitando ou recitando os seus poemas. Para saber máis sobre Rosalía, podes premer aquí, onde atoparás información interesante sobre a súa vida e a súa obra, ou visitar a súa páxina web, onde atoparás imaxes da súa propia casa.

domingo, 19 de novembro de 2017

25 de Novembro


Queremos conmemorar este 25 de novembro con unha mensaxe positiva, valorando a cultura da non violencia. Por iso, baixo o lema "Chea de vida" (a canción de Guadi Galego que escollemos como guía), reunimos unha colección de títulos que nos poden achegar a mellorar a convivencia sen discriminación por razón de xénero. Aproveitamos para agradecer á Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole" a súa colaboración.

Se queres máis información sobre esta celebración, podes consultar a entrada do curso pasado, onde se recollen datos relevantes sobre a data. 

domingo, 12 de novembro de 2017

Apertura da Biblioteca

Hoxe o alumnado de primaria poderá empezar a usar a biblioteca. Sabémolo porque recibimos nas nosas aulas a carta do Señor Pippin recordando o que podemos facer na biblioteca. Este curso prestaremos especial atención a coidar de todo o material, e respectar os espazos para o seu uso. O señor Pippin recórdanolo todo nesta carta. Os máis pequenos, que estamos aprendendo a utilizala, recibiremos a axuda dos maiores, que coidaron de ela antes ca nós. 

domingo, 5 de novembro de 2017

Mercadiño "Troco e Trato"

Desde o luns, día 6 de novembro, e ata o xoves, 9 manteremos aberto o "Mercadiño de Outono: troco e trato". Queremos darlle unha nova vida aos libros que tiveron un breve paso pola nosa biblioteca, e esperamos que os acollades nas vosas casas. So tés que deixarnos 5 castañas a cambio de cada libro.

Se queres participar traendo castañas, pero non levando libros, tamén caben no cesto... Feliz Magosto!

O MAGOSTO

Pois parece mentira... case sen respirar chegamos do Samaín ao Magosto... Para acompañalo, podemos empezar a ambientarnos con un rap ben sinxeliño... 

  

E mentres cantamos, por que non imos aprender algo máis sobre esta festa? De onde ven o nome de "Magosto"? E as castañas, de onde saen? Que teñen de especial? No repositorio ABALAR, atopamos estes recursos:



Aquí tés información e actividades interactivas para poder respostar a calquera pregunta que se che ocorra sobre o Magosto.
E se pinchas na imaxe de embaixo, podes acceder ao material fotocopiable preparado polo C.E.I.P. "Galán", e elaborar un "minilibro" sobre a festa (1º e 2º ciclo):

Podes acceder tamén aos materiais para 5º e .
Desde aquí podes acceder ao conto da "Castaña Dorinda", e aos materiais preparados desde o C.E.I.P. "Victor Sáenz"