mércores, 23 de decembro de 2020

Recomendacións literarias decembro 2020

Pode que este ano máis que calquera outro... pasamos páxina!

Aquí chegan novidades e recomendacións literarias de BiblioNós!

Temos sección de prelecturas, primeiras lecturas, lectores/as autónomos/as, lectores/as expertos/as e tamén "para grandes" e catro pílulas de catro xogos que nos encantan!



Anímate a botar unha ollada ás novidades e... pasa páxina canda nós!


Boas vacacións!

Moi pronto máis novidades no blogue, non deixes de visitarnos!

(Lembra que tamén podes atoparnos no Instagram!)

martes, 8 de decembro de 2020

3 de decembro Día internacional das Persoas con Discapacidade.

Esta semana todas as clases de Educación Infantil escoitamos o fermoso conto: Superniños

Os personaxes deste conto deixaron asombrados e interesados ao noso público que nos demostrou cos seus comentarios e reflexións que estamos cada vez máis preto de reducir as desigualdades que nos separan sexan as que sexan.

Sigamos esforzándonos para cumprir este obxectivo.





#TEMPODELER #AXENDA2030
#BIBLIOTECAINCLUSIVA #DISCAPACIDADE #ODS10


domingo, 25 de outubro de 2020

 SEGUIMOS CONTANDO CONTOS

A biblioteca do Ceip Juana de Vega segue estando no noso cole, nos nosos corazóns e nas nosas aulas. Un exemplo deste esforzo por seguir contando contos o temos nas nosas familias, que unha vez máis dedican o seu tempo para que poidamos disfrutar dun relato coñecido por todo o alumnado, sobre todo polo público máis novo, que con moito agarimo nos ofrecen.

Para todos "A que sabe a lúa"(Familia de 6ºA de Educación Infantil).

Moitas grazas!





#TEMPODELER #CONTOSINFANTIS #CONTOSNACASA


martes, 23 de xuño de 2020

HERBAS DE SAN XOÁN

Esta noite é noite de meigas e maxia: é a noite de San Xoán. O inicio do ano para a Natureza, o feliz solsticio que dá paso ao verán. É tradición deixar a remollo ao luar un ramo de herbas escollidas para lavar a cara con esa auga fresca na mañá de San Xoán. 
Desde a páxina de Orgullo Galego partillan esta fermosa ilustración. Sería un bo propósito dar un paseo polo monte e apañar as herbas que garantan a saúde para a nosa pel e o noso benestar neste verán. Case nada! Feliz San Xoán!

sábado, 13 de xuño de 2020

FEIRAS DO LIBRO


Agora que temos que ir adaptándonos á "nova normalidade", precisamos de recuperar certas rutinas, celebracións que antes pasaban desapercibidas por ser habituais cada vez que se achega o verán. Se aproveitamos a chegada do bo tempo co desconfinamento para pasear polo noso país teremos a fortuna de poder concidir coas Feiras do Libro que se celebran a partir de hoxe mesmo en Compostela. En Vigo, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Foz e A Coruña xa están as datas fixadas. 

Nas Feiras do Libro non só se venden libros. Podedes encontrarvos co voso autor ou autora favorito, asistir a recitais de poesía ou de música, ser testemuñas da presentación de novidades, acodir co voso exemplar para ser asinado polo autor ou autora, escoitar contos, presenciar representacións teatrais, participar en debates, xogos, obradoiros,  ... 

Non deixedes de visitar a vosa libraría de referencia, e participade da celebración da letra escrita, da tradición e da festa dos libros. 

APADRIÑAMENTOS

Estamos no camiño final deste curso tan diferente e desde a biblioteca queremos dar as grazas ao alumnado que participou nalgunha das propostas de colaboración da mesma.

Hoxe, queremos agradecer a labor das madriñas e dos padriños de 6º de E.P., que visitaron, contaron contos, recitaron poemas ou explicaron o manexo dos Escornabots ao alumnado de 5º de E.I. Incluímos unhas breves notas dalgúns deles, nas que explican como o vivenciaron:





Moitas grazas a todas e a todos! Queremos que o vindeiro curso os pequerrechos do noso cole volvan ter uns padriños / madriñas así de estupend@s. E que vós teñades toda a sorte do mundo no paso á Secundaria.
Saúdos agarimosos do Sr. Pippín

venres, 12 de xuño de 2020

Unha fin de semana de chuvia

Seguindo as suxestións do Departamento de Orientación, propoñemos unha moi breve selección de propostas para esta fin de semana que se aveciña de chuvias e frío primaverais. Aínda queda moito que compartir. Esta é a nosa humilde proposta seleccionada entre recursos da web e do noso cole.