venres, 24 de febreiro de 2023

Día de Rosalia: Quinto difunde a obra con moita arte.

 Chegaba febreiro e os grupos de quinto propuxéronse divulgar parte da obra de Rosalía de Castro co gallo da celebración do seu día.

Xa que neste trimestre do PDI Arte-sáns e arte-sás misturábamos as "letras" (poesía, literatura, cómic...) co audiovisual (radio, cinema, publicidade...) que mellor que un producto a medida?

Para este traballo dividíronse en pequenos equipos e descubriron que é a "videopoesía".

Cada equipo investigou e escolleu un poema de Rosalía para interpretar, deberían organizarse para saber quen e como gravaría a voz e tamén como se farían distintos movementos cos que interpretalo. 

Traballaron ata acadar unha produción que difundir en video e lograron obter sete orixinais video-poemas de Rosalía de Castro.

Parabéns, agardamos que os desfrutedes.













mércores, 21 de decembro de 2022

Suxerencias lectoras 2022

O curso avanza sen paradura e as aulas énchense de artistadas á calor do proxecto Arte-sás e Arte-sáns.



Temos moito que contarvos sobre isto pero antes de nada aquí van  unha serie de novidades editoriais para todas as idades, desde pre-lectores/as a adultos/as e tamén hai unha sección só para libros sobre arte e tres xogos que nos gustan (lembrade que nos boletíns doutros anos tedes ideas distintas que tamén podedes explorar)

Agardamos que vos guste e desexamos que pasedes unhas boas vacacións.



Ah, temos novos programas de radio no forno entre outras moitas cousas así que... pronto máis novas!

luns, 24 de outubro de 2022

Re-apertura, ao fin!

 Hoxe, Día das Bibliotecas  estamos de celebración!!!

Por fin, despois de momentos moi duros tras a crise da Covid, a BiblioNós abre de novo e totalmente as súas portas!



Para celebralo hoxe, mañá e pasado os distintos cursos accederán ao percorrido inaugural  da biblioteca para desfrutar a instalación e as cousas que temos preparadas.

Aquí podedes ver o  boletín informativo que atopan ao entrar e tamén un video coma pequena mostra da instalación.


Estamos oficialmente de volta!

Saúdos!

martes, 17 de maio de 2022

Letras Galegas 2022

 A quen non lle gusta unha boa conmemoración das Letras Galegas?

É moito o traballo que se ven desenvolvendo arredor das Letras e a figura de Florencio Delgado Gurriarán na escola. Tanto é así que temos nomeados ata os nosos propios especialistas en Letras Galegas 2022. 

Un grupo de persoas que foron quen de levar as súas pesquisas sobre Florencio Delgado a dous programas especiais de radio que vos recomendamos escoitar. No primeiro deles atoparedes mesmo unha "conversa co propio Florencio Delgado Gurriarán", preparados/as? dous programas de 5 minutos de duración cos cales o alumnado especialista (de 4º de primaria) nos achega a vida e obra deste interesante personaxe.

 

Tamén fixemoms unha exposición crecente de libros e outros materiais así coma un mural sobre o homenaxeado, cantamos algún poema da súa obra e mesmo tivemos un xogo de investigación!; un montón de pistas e documentos nos que ir descubrindo contrasinais e chaves. O xogo introduciuse con este video de aqui abaixo e podes re-xogalo AQUÍ se eres un persoa curiosa...atrévete a probar! (...de 4º en adiante)

Mañá, 18 de maio celebraremos na escola as Letras co que pretende ser un encontro no que merendar, ter música en directo e, por suposto, anunciar as obras gañadoras do certame literario e outorgarlles os premios! Non estivo nada sinxelo porque temos un cole cheo de escritores e escritoras de calidade nas distintas categorías... Noraboa e grazas aos/ás participantes!

 
Agardamos que desfrutedes o día é que sirva, ademáis de para profundizar na vida e obra de Florencio Delgado tamén para darlle un pulo ao uso da nosa língua hoxe e sempre.
FELICES LETRAS!

"Nosa Galicia é máis que toda a Terra,
Galicia só limita coa saudade
elástica fronteira..."

- Florencio M. Delgado Gurriarán - 

venres, 22 de abril de 2022

Día do libro 2022: Certame literario!

 Feliz día do libro a todas e todos!! (Ben, case, que xa sabemos que é mañá,  sábado 23)

Temos unha boa nova!:



Para comezar deixámosvos o texto conmemorativo deste ano, que correu ao cargo de Xosé Ballesteros e agardamos que vos guste e vos inspire, nel fala da viaxe que inician autores/as e ilustradores/as, con parada en editoriais, imprentas, librarías, para atopar, finalmente, porto seguro en bibliotecas como a nosa a carón dos lectores e lectoras. 

Ademáis, que ledicia nos deu ler a última das liñas do texto: 

"Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo"

Non podía ser máis acaído para dar a benvida á nosa nova mascota. Faísca!!!


E agora imos coa boa nova que adiantamos...

ESTADES CONVOCADAS/OS!!!

Co gallo do Día do Libro a vosa biblio convoca o segundo certame literario no que podedes dar ás á vosa imaxinación, sabemos que hai grandes lectores/as, escritores/as, ilustradores/as nas aulas así que devecemos por botar un ollo ás vosas obras.

Aquí tedes un resumo da convocatoria e ante calquera dúbida... preguntade!


Mira a túa categoría, non esquezas a data e...participa!

Pd: Non esquezas entrar de cando en cando na web da radio, temos novos capítulos do podcast dos "Diarios do Noso Camiño" e novas entrevistas no programa "O falar da xente" así coma outros programas que están a piques de saír do forno de Radio Cigurat!!

mércores, 13 de abril de 2022

Faísca, a nova mascota

 Non foi sen tempo!

Recibimos tantas propostas de mascota para a nosa renovada biblioteca e tan boas que foi moi complexa a escolla así que o primeiro que queremos e dar o agradecemento polas participacións.



Nunha primeira fase escollimos unhas mascotas finalistas 


E finalmente seleccionamos a mascota que representará á nosa biblioteca alá onde sexa preciso e puxémoslle un nome.  Agardamos que todos/as vos sintades orgullosos e orgullosas da mascota escollida que ademáis de reunir as ideas que moitos/as tivéchedes para a mascota é tamén un elemento moi recoñecible e reproducible e distintos formatos, característica que tamén tivemos en conta.

A mascota é unha FOLLA LECTORA unha folla de carballo capaz de viaxar, axudar, traer novas, voar e mesmo brillar, por iso o seu nome é FAÍSCA.



Unha faísca é unha partícula incandescente que pode vir do lume ou producirse co choque doutros elementos. (Coma a luz que nos dan as vosas fabulosas ideas ao ser compartidas...)

Así que podedes darlle a benvida a FAÍSCA, a mascota de BiblioNós. e tamén a noraboa a UXÍO (2ºB) pola creación da mesma. El tamén recibiu o gran premio por traer a proposta gañadora!



Parabéns a todos e todas!

xoves, 3 de marzo de 2022

O falar da xente. Entrevistas en Radio Cigurat

 Boas!

Aquí deixamos ligazón ao primeiro capítulo do programa "O falar da xente" o programa de entrevistas de Radio Cigurat.

Neste primeiro episodio o alumnado de 2ºA , tras moitas investigacións sobre a Finca Tenreiro, entrevistou ao alcalde de Oleiros que tivo a ben contestar e explicar moitas cuestións sobre ese espazo cheo de historia e historias. 

Bota unha orella e anímate a descubrilo!

Podedes acceder desde a nosa web de radio (AQUÍ) , desde o logo de Radio Na Biblio da barra lateral ou mesmo nesta imaxe.

Agardamos que vos guste.



Saúdos!