mércores, 1 de novembro de 2023

O Samaín

 O Samaín chegou, as ondiñas que veñen non paran de medrar nas aulas e entre toda a voráxine atopamos un libro procedente dun naufraxio...

Algo así sucedeu.

Entre todo o cole creamos o noso libro de "Historias á deriva" e nel podemos atopar avistamentos de bestas mariñas e a súa descrición, conxuros e lendas do mar, contos, o diario de a bordo dun barco capitaneado por nenos e nenas, retos matemáticos mariños... un montón de cousas que desfrutar! Bo traballo!

Ademáis a biblio encheuse de historias do noso Samaín, decoracións e, por suposto, todo ligado ao noso proxecto do curso "Ondiñas veñen"

Falamos dos "buques pantasma", de Galicia coma o maior cemiterio de barcos do mundo, do Samaín en Cedeira ou as peregrinacións a San Andrés de Teixido, dos calvaquiños o da viaxe das almas ao alén co barqueiro ou historias da illas atlánticas...

E tivemos un montón de obradoiros na biblio cos que celebrar a data e a apertura da mesma:

Obradoiro de pulseiras de Samaín, de xogos de mesa "de morte", de robótica nunha illa misteriosa, de historias e escritura creativa, de debate e diálogo no faladoiro...

Sen esquecer a exposicións de calzado da bruxa mariñeira...

Podes botar un ollo á instalación no noso instagram!


sábado, 30 de setembro de 2023

O comezo do 23-24

 Pensabas que non estabamos por aquí?

O curso comezou cun reto: Descubrir o noso proxecto do curso 2023-2024 e para iso tivemos que ir descifrando pistas que aparecían no corredor principal do centro...

Ao longo dos días apareceron obxectos, textos e mesmo sons cos que intentar descubrilo.

Un título de 12 letras, unha rede, algo sobre unha tipografía chamada Fontoira, nubes de verbas, uns botóns con notas musicais que so daban a pista final se eran pulsados na orde correcta... con estos e outros obxectos descubrimos que o noso proxecto se chamaba:


Ondiñas veñen...

Ondas, mares, océanos, viaxes, lendas, embarcacións, sinais... a cantidade de aprendizaxes e experiencias que agocha este título...


venres, 19 de maio de 2023

Resolución do Certame Literario

 Co gallo das Letras Galegas déronse a coñecer as obras premiadas no certame literario deste ano.

Recibíronse máis de 80 obras de gran calidade nas distintas categorías e a salección non foi nada sinxela para o xurado así que, de primeiras, noraboa a todos e todas.

Cada participante de infantil e primaria recibiu un pequeno recoñecemento e ademáis os autores e autoras gañadoras recibiron o seu premio durante a nosa celebración da Feira das Letras.

A continuación podedes ver todas obras gañadoras de cada categoría.

Parabéns a todos e todas!


venres, 5 de maio de 2023

A visita de Violeta Monreal

O noso proxecto documental integrado "Artesás e artesáns", tivo centos (ou milleiros) de accións e actividades ao longo do curso mais unha das semanas máis especiais foi a da visita da ilustradora, escritora, artista Violeta Monreal.

Foi nesa semana na que sentimos que o proxecto subía un chanzo máis arriba.

Temos que contar que, todo o proceso previo á súa visita tamén foi moi interesante, co alumnado investigando, lendo, conversando e creando.

Finalmente, a comezos de maio,  Violeta tivo a ben visitar a nosa escola.

Houbo obradoiros con todas as aulas mentres desfrutabamos do seu proceso de creación e mesmo concedeu unha entrevista ao alumnado de 5º que prepararan con moita dedicación (podedes escoitar a entrevista na web de Radio Cigurat, no programa O Falar da Xente)

Foi unha semana chea de arte e creatividade, de cor, de exploración de materiais, de diálogos e aprendizaxes.

Se escaneades esta imaxe podedes ver un pequeno video-resumo que subimos ao noso perfil de instagram.



Saúdos!

xoves, 20 de abril de 2023

Certame literario. Día do Libro

 O vindeiro 23 de abril celébrase o Día do Libro e a esta biblioteca volve o CERTAME LITERARIO!!!


O alumnado do CEIP Juana de Vega pode achegar obras (na súa categoría e en língua galega) nas caixas da entrada da biblio ata o 10 de maio.

Lembrade que o xurado valorará a creatividade, a escrita, o contido e a presentación así coma que estean relacionadas co proxecto deste ano, "Artesás e artesáns". 

Haberá un premio por categoría e pode que algún detalle para os/as participantes así que anímate!

A entrega de premios será o día no que celebraremos no cole o Día das Letras Galegas, xornada(s) para as que estamos argallando un montón de cousas...

Estade listos/as? Agardamos as vosas obras, artistas!

Aquí queda a convocatoria completa:




venres, 24 de febreiro de 2023

Día de Rosalia: Quinto difunde a obra con moita arte.

 Chegaba febreiro e os grupos de quinto propuxéronse divulgar parte da obra de Rosalía de Castro co gallo da celebración do seu día.

Xa que neste trimestre do PDI Arte-sáns e arte-sás misturábamos as "letras" (poesía, literatura, cómic...) co audiovisual (radio, cinema, publicidade...) que mellor que un producto a medida?

Para este traballo dividíronse en pequenos equipos e descubriron que é a "videopoesía".

Cada equipo investigou e escolleu un poema de Rosalía para interpretar, deberían organizarse para saber quen e como gravaría a voz e tamén como se farían distintos movementos cos que interpretalo. 

Traballaron ata acadar unha produción que difundir en video e lograron obter sete orixinais video-poemas de Rosalía de Castro.

Parabéns, agardamos que os desfrutedes.













mércores, 21 de decembro de 2022

Suxerencias lectoras 2022

O curso avanza sen paradura e as aulas énchense de artistadas á calor do proxecto Arte-sás e Arte-sáns.



Temos moito que contarvos sobre isto pero antes de nada aquí van  unha serie de novidades editoriais para todas as idades, desde pre-lectores/as a adultos/as e tamén hai unha sección só para libros sobre arte e tres xogos que nos gustan (lembrade que nos boletíns doutros anos tedes ideas distintas que tamén podedes explorar)

Agardamos que vos guste e desexamos que pasedes unhas boas vacacións.



Ah, temos novos programas de radio no forno entre outras moitas cousas así que... pronto máis novas!