Amosando publicacións coa etiqueta obradoiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta obradoiros. Amosar todas as publicacións

domingo, 12 de maio de 2024

15 e 16 de maio: Feira mariñeira "Conserva o galego"

Chegan as Letras e é unha das datas máis destacadas nesta escola.

Levamos xa un tempo descubrindo a Luísa Villalta, a súa vida e a súa escrita cun montón de actividades e mesmo salas de fuga e; ligando a homenaxe a esta escritora co noso proxecto deste curso decidimos crear a nosa Feira Mariñeira "Conserva o galego".


Comezaremos a semana recibindo (se asinamos o compromiso de incremento de uso da lingua) a nosa pulseira "Conserva o galego. Fálao"

O vindeiro 15 e 16 de maio (mércores e xoves) o cole vivirá a súa feira cargada de obradoiros, encontros e tamén actuacións do alumnado. 

É certo que tivemos que  facer varias alternativas pola previsión de chuvia pero agardamos levar todo a porto....

Teremos moitos obradoiros (estampación, pulseiras mariñas, chaveiros de nós...) tamén recursos para as aulas, recunchos coma o do noso maio deste ano e uns encontros que levamos moito tempo agardando con Rogelio Santos Queiruga e coas redeiras do Fieital

Ademáis o xoves 16 actuaremos e teremos tamén un convidado (Félix Arias) e o acompañamento de 3 magníficos violinistas (Luca Capobianco Pazos, Artai Lema Lema e Aaron Puga Puente) para axudarnos na gala coa que pecharemos esta feira homenaxe a Luísa Villalta (tamén violinista) e ás ondiñas do noso proxecto e ás conserveiras (de onde cres que viña o lema deste ano se non?!)

Como tamén estudamos a lenda e a festa da Maruxaina (San Cibrao) optamos por inspirarnos nesa celebración por se queredes traer unha vestimenta semellante.


Ah, e lembrade axudar a facer o noso maio deste ano ao que cantarlle un bo maio!


Serán dous días moi intensos pero agardamos que tamén emocionantes e proveitosos para todos e todas! Chega a feira!

mércores, 1 de novembro de 2023

O Samaín

 O Samaín chegou, as ondiñas que veñen non paran de medrar nas aulas e entre toda a voráxine atopamos un libro procedente dun naufraxio...

Algo así sucedeu.

Entre todo o cole creamos o noso libro de "Historias á deriva" e nel podemos atopar avistamentos de bestas mariñas e a súa descrición, conxuros e lendas do mar, contos, o diario de a bordo dun barco capitaneado por nenos e nenas, retos matemáticos mariños... un montón de cousas que desfrutar! Bo traballo!

Ademáis a biblio encheuse de historias do noso Samaín, decoracións e, por suposto, todo ligado ao noso proxecto do curso "Ondiñas veñen"

Falamos dos "buques pantasma", de Galicia coma o maior cemiterio de barcos do mundo, do Samaín en Cedeira ou as peregrinacións a San Andrés de Teixido, dos calvaquiños o da viaxe das almas ao alén co barqueiro ou historias da illas atlánticas...

E tivemos un montón de obradoiros na biblio cos que celebrar a data e a apertura da mesma:

Obradoiro de pulseiras de Samaín, de xogos de mesa "de morte", de robótica nunha illa misteriosa, de historias e escritura creativa, de debate e diálogo no faladoiro...

Sen esquecer a exposicións de calzado da bruxa mariñeira...

Podes botar un ollo á instalación no noso instagram!