Amosando publicacións coa etiqueta ondiñas veñen. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ondiñas veñen. Amosar todas as publicacións

domingo, 12 de maio de 2024

15 e 16 de maio: Feira mariñeira "Conserva o galego"

Chegan as Letras e é unha das datas máis destacadas nesta escola.

Levamos xa un tempo descubrindo a Luísa Villalta, a súa vida e a súa escrita cun montón de actividades e mesmo salas de fuga e; ligando a homenaxe a esta escritora co noso proxecto deste curso decidimos crear a nosa Feira Mariñeira "Conserva o galego".


Comezaremos a semana recibindo (se asinamos o compromiso de incremento de uso da lingua) a nosa pulseira "Conserva o galego. Fálao"

O vindeiro 15 e 16 de maio (mércores e xoves) o cole vivirá a súa feira cargada de obradoiros, encontros e tamén actuacións do alumnado. 

É certo que tivemos que  facer varias alternativas pola previsión de chuvia pero agardamos levar todo a porto....

Teremos moitos obradoiros (estampación, pulseiras mariñas, chaveiros de nós...) tamén recursos para as aulas, recunchos coma o do noso maio deste ano e uns encontros que levamos moito tempo agardando con Rogelio Santos Queiruga e coas redeiras do Fieital

Ademáis o xoves 16 actuaremos e teremos tamén un convidado (Félix Arias) e o acompañamento de 3 magníficos violinistas (Luca Capobianco Pazos, Artai Lema Lema e Aaron Puga Puente) para axudarnos na gala coa que pecharemos esta feira homenaxe a Luísa Villalta (tamén violinista) e ás ondiñas do noso proxecto e ás conserveiras (de onde cres que viña o lema deste ano se non?!)

Como tamén estudamos a lenda e a festa da Maruxaina (San Cibrao) optamos por inspirarnos nesa celebración por se queredes traer unha vestimenta semellante.


Ah, e lembrade axudar a facer o noso maio deste ano ao que cantarlle un bo maio!


Serán dous días moi intensos pero agardamos que tamén emocionantes e proveitosos para todos e todas! Chega a feira!

mércores, 20 de decembro de 2023

Fin do trimestre, radio e recomendacións.

Seguimos co proxecto Ondiñas Veñen e virando tellas e ademáis de todo o que contamos na entrada anterior non podemos esquecer a obra de teatro que preparou o alumnado de 5º de primaria chamada "O Apalpador e o rito de virar as tellas" agardamos que poidades ter unha versión radiofónica á volta das vacacións pero mentres, desto e de moito máis sobre como foi este primeiro trimestre de proxecto falan os alumnos e alumnas de 6º neste novo episodio do programa "O falar da xente" que podedes escoitar AQUÍ e no que fan un breve resumo do trimestre.

O final de trimestre veu cargado con este rito pero tamén cunha danza de luz na que o alumnado de 4º se convertiu en faros que alumean Punta Atalaia lembrando a lenda da Maruxaina, con panxoliñas e cantos de reis que piden o aguinaldo, con contos na lareira da biblioteca... un sinfín de cousas que rematan este  xoves coas badaladas da escola. 

Despedímonos ata o vindeiro trimestre coas nosas xa célebres suxerencias de lectura e xogos.


Non esquezas seguirnos noutras redes onde temos moito outro material e noutros tempos e...

Ata o ano que ven! 

venres, 1 de decembro de 2023

O inverno, virando tellas.

O proxecto medra e medra en cada aula e recuncho do centro...

Instalacións, debates, investigacións... hai de todo!

E chegado decembro, despois da marexada violeta que vivimos no 25N contra a violecia machista, comezamos a descubrir un rito que se ten recollido por toda a costa galega (e parte de Portugal)

É o rito de virar as tellas que, coma o seu propio nome indica, consiste en virar unha tella pretendendo así que o vento cambie e as persoas que traballan no mar poidan regresar sás e salvas ao fogar e reencontrarse cos seus seres queridos.

Nunha homenaxe a estes reencontros as aulas fixeron diferentes investigacións sobre o rito,  materiais, libros, cancións, poemas... e finalizamos todos e todas con varias cousas. Por unha banda creamos as nosas pequenas tellas decoradas para homenaxear os reencontros destas datas tan sinaladas e por outra decoramos grandes tellas para a nosa a instalación invernal que ocupa o corredor principal do centro.


Como pasamos de non coñecer o rito a ser case uns e unhas expertas foi prácticamente máxico!