sábado, 11 de xaneiro de 2020

Montamos os escornabots

Como xa sabedes, o C.E.I.P Juana de Vega foi seleccionado este curso 2019-20 no programa "Biblioteca creativa". Gracias a este programa, o centro foi dotado de varios "escornabots". Pero había unha cuestión, e é que estes escornabots estaban sen montar.

Por iso precisamos da axuda do alumnado de 5º e 6º de educación primaria, que colaborou exitosamente na montaxe dos escornabots, a través de diferentes obradoiros realizados na biblioteca escolar.



Agora, xa dispoñemos dos escornabots montados e listos para funcionar, e os alumnos e alumnas de 5º e 6º xa están a traballar para poder darlle uso co resto do alumnado do centro.

Próximamente teredes máis noticias.
Ata pronto!



venres, 1 de novembro de 2019

Achegamento a Xapón

Cando remate este curso estaremos nas portas de iniciar uns novos Xogos Olímpicos. No 2020 celebraranse no Xapón, un dos lugares máis afastados de nós. Os xaponeses teñen unha cultura moi diferente á nosa, e se queremos coñecelos sen viaxar teremos que preguntarlle a alguén que estivese alí. Por iso convidamos a Emilio, que viviu e traballou en Tokio durante dous anos. Contounos moitas cousas curiosas sobre este país. Queredes acompañarnos?

BIBLIOTECA CREATIVA


http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=40

O pasado día 25 de outubro desenvolveuse na EGAP de Santiago de Compostela unha xornada de formación para os centros integrados no programa "Biblioteca Creativa. Comunicación e cidadanía". Douscentos centros forman parte deste programa repartido entre "Biblioteca Creativa" (antigo proxecto "Escornabots") e "Radio na biblio". O C.E.I.P. "Juana de Vega" foi seleccionado para os dous programas desde o presente curso. 
Se queres ter acceso aos materiais, preme no cartel. 
Dúas compañeiras do equipo participaron na actividade, recollendo información e material, e serán as encargadas de comunicalo ao claustro de profesores para a súa utilización no desenvolvemento do curriculo. Eis un resumo, incluíndo imaxes propias e de diferentes presentacións.
Biblioteca Creativa 19 from Biblionós on Vimeo.

luns, 21 de outubro de 2019

Día da Biblioteca

O xoves, día 24 de outubro deste ano, celébrase o "Día da Biblioteca", por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil

Como cada ano dispoñemos dun cartaz e dun pregón para conmemoralo. Este último correu a cargo da escritora Gemma Pasqual i Escrivà, (traducido ao galego por Héctor Cajaraville) e a ilustración é obra de Miguel Calatayud
Con esta boa nova, inauguramos a actividade do noso blog neste curso 2019-2020, que chega cargadiño de novidades e sorpresas. Queda un mundo por descubrir neste novo ano escolar. Manterémosvos informados. 

mércores, 12 de xuño de 2019

In Memoriam: Charo Sánchez-Gabriel

Hoxe acabamos o día cunha nova moi triste: o pasamento da nosa compañeira Charo Sánchez-Gabriel, responsable durante moitos anos da biblioteca do IES Sánchez-Cantón de Pontevedra. Permitídenos desde este blog rendirlle homenaxe coa carta compartida pola rede de Bibliotecas Escolares Galegas.

 Querida compañeira, querida amiga.
Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza.

Hai tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuiches a fundar. E xa daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos.

A túa forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para quenes tivemos a honra de tratarte.

Xa daquela, cando a enfermidade se cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas escolares de Galicia, un valeiro irreemplazable.
Pero o de hoxe é definitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti!

As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante.

Os que te coñecimos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia.

Os que non tivéchedes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: http://mesturas.blogspot.com/

Ata sempre, Charo!
Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE

martes, 11 de xuño de 2019

XURXO MARIÑO

Mañá mércores visitará o noso centro Xurxo Mariño, o noso Phileas Fogg particular. 
Xurxo Mariño é un científico que traballa no campo da neurociencia, e que tivo a xenial idea de dar a volta ao mundo, pero sen présas. Grazas á súa xenerosidade podemos disfrutar dun amplo álbum de fotografías, que ilustra como está o noso mundo hoxendía. 
Na súa páxina podemos tamén observar videos moi interesantes, sobre distintos lugares do noso planeta que sería difícil que nós puidésemos visitar... aínda que nunca se sabe!





luns, 27 de maio de 2019

Booktubers, o inicio

Este é o video que inaugurará a nosa canle de "Booktubers". Será un espazo para que poidades compartir os vosos gustos pola lectura, recomendando os libros que máis vos gustan, e indicando o camiño para atopalos na biblioteca do noso centro.