domingo, 24 de febreiro de 2019

Aniversario de Rosalía de Castro

Tal día coma hoxe, naceu en Santiago de Compostela Rosalía de Castro. Así que hoxe é o seu aniversario. Cando alguén cumpre anos é costume facerlle un agasallo. Como hoxe non estamos na escola, mañá imos celebralo, durante o recreo. Pero, en lugar de chuches repartiremos poemas. 
Se queres participar na celebración, non tés máis que vir co teu poema de Rosalía (breve), e lelo ben clariño. 
Rosalía sempre viva.

domingo, 17 de febreiro de 2019

Memoria de Xaneiro



Non queremos que quede atrás o traballo realizado durante o mes pasado. Escollemos outro tipo de viaxe, unha viaxe triste que nos fai poñernos no lugar dos que sofren. Os refuxiados que escapan do seu país fixéronnos ler, buscar nos mapas, escoitar as súas historias, contemplar as súas facianas nos campos de refuxiados a través das fotografías de Felipe Carnotto. Cada un de nós buscou a forma de poder axudar, e todos xuntos cantamos unha canción que convida a construir pontes e derrubar muros.

Cando as familias contan

Estamos habituados a falar da "comunidade escolar" ou "comunidade educativa" no papel, pero poucas veces compartimos as experiencias que día a día vivimos nas aulas, e que enriquecen a escola e a vida familiar, como un camiño continuo e fluido, unha viaxe de ida e volta diaria na que participamos da mesma tarefa: educar. Imos propoñer, comezando por este, exemplos nos que a se amosa boa comunicación, empatía e xenerosidade. No medio do ruido, un tempo para presumir dos bos momentos que pasamos xuntos. Grazas, máis unha vez, Alicia, polo teu fermoso traballo.

domingo, 25 de novembro de 2018

LECTURAS POLA IGUALDADE

O 25 de novembro conmemoramos o "Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres". Hai cincuenta e oito anos, na República Dominicana, asesinaron ás irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), por defender os seus dereitos. Desde 1981, e por decisión da ONU, este día dedicámolo a lembrar ás mulleres que sofren violencia polo feito de selo, buscando a igualdade e tentando eliminar prexuízos.
Desde a escola queremos contribuir a crear un espazo máis igual para todos e todas, nos que o noso sexo non sirva como disculpa para poñernos límites. Ofrecemos unha guía de lectura con diversidade de títulos e soportes para que poidamos poñer en palabras o que vivimos cada día. Somos diferentes, pero iguais en dereitos e obrigas. Respectémonos. 



sábado, 24 de novembro de 2018

Mochilas viaxeiras

Xa están en circulación as mochilas viaxeiras de Primaria. Todas elas conteñen unha selección de lecturas para compartir en familia. Inclúen, ademais de libros, revistas e películas, un caderno no que cada familia pode reflectir a súa opinión sobre a actividade, o que máis lle gustou ou o que querería mellorar. Desta viaxe todos aprendemos, e o máis importante, disfrutamos compartindo o pracer de ler. 
Feliz aventura!

Guía de usuarios para o curso 2018/2019


O luns, día 26 reabre BIBLIONÓS con moitas novidades. Para ir facéndote unha idea, compartimos a nova guía de usuarios, que resume as características da biblioteca e as orientacións para o seu uso correcto. 

sábado, 3 de novembro de 2018

Novembro, Mes da Ciencia en Galego

Como cada ano, dedicamos este mes á Ciencia en Galego nas Bibliotecas Escolares, por iniciativa das Consellerías de Cultura e Educación, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
É o momento de poñer en valor as publicacións feitas para os distintos niveis de ensino, e difundir os recursos que científicos, escritores e especialistas diversos publican en distintos medios e soportes. 

Neste curso, o Profesor de Bioloxía da Universidade de Vigo, Luis Navarro, publica un manifesto, no que afirma: "Para ser libre mediante a cultura, igual ca para facer boa cienica, hai que ler"
Aproveitemos as actividades preparadas desde distintas bibliotecas  para disfrutar da ciencia viva, e mellorar o noso coñecemento do mundo no que vivimos, neste mes e durante todo o ano. Non hai mellor viaxe.