sábado, 24 de novembro de 2018

Mochilas viaxeiras

Xa están en circulación as mochilas viaxeiras de Primaria. Todas elas conteñen unha selección de lecturas para compartir en familia. Inclúen, ademais de libros, revistas e películas, un caderno no que cada familia pode reflectir a súa opinión sobre a actividade, o que máis lle gustou ou o que querería mellorar. Desta viaxe todos aprendemos, e o máis importante, disfrutamos compartindo o pracer de ler. 
Feliz aventura!

Guía de usuarios para o curso 2018/2019


O luns, día 26 reabre BIBLIONÓS con moitas novidades. Para ir facéndote unha idea, compartimos a nova guía de usuarios, que resume as características da biblioteca e as orientacións para o seu uso correcto. 

sábado, 3 de novembro de 2018

Novembro, Mes da Ciencia en Galego

Como cada ano, dedicamos este mes á Ciencia en Galego nas Bibliotecas Escolares, por iniciativa das Consellerías de Cultura e Educación, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
É o momento de poñer en valor as publicacións feitas para os distintos niveis de ensino, e difundir os recursos que científicos, escritores e especialistas diversos publican en distintos medios e soportes. 

Neste curso, o Profesor de Bioloxía da Universidade de Vigo, Luis Navarro, publica un manifesto, no que afirma: "Para ser libre mediante a cultura, igual ca para facer boa cienica, hai que ler"
Aproveitemos as actividades preparadas desde distintas bibliotecas  para disfrutar da ciencia viva, e mellorar o noso coñecemento do mundo no que vivimos, neste mes e durante todo o ano. Non hai mellor viaxe.
 

domingo, 28 de outubro de 2018

SAMAÍN

Todos estades agardando pola festa do Samaín, a festa que da entrada ao Outono. Pero, sabíades que é unha festa viaxeira? O equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do cole preparou un resumo que o explica e ofrece diversas propostas para que coñezas mellor a festa.
En outras culturas, como a mexicana, o "Día de Muertos" honraban ao espírito dos guerreiros, e a tradición pervive como unha festa popular, chea de cores, danzas, e comidas especiais, como sucede coa nosa tradición.
Podes consultar aquí as lecturas que a biblioteca ofrece sobre o tema do medo. Se fas clic sobre o debuxo, podes acceder ás cancións seleccionadas para a festa de samaín deste ano.

xoves, 25 de outubro de 2018

O alumnado de 1º A visita a biblioteca

Antes de abrir oficialmente a biblioteca, todos os alumnos e as alumnas do cole nos visitan. Así, poden recoñecer os espazos e o seu uso, e lembrar as normas fundamentais para que todos e todas poidamos disfrutar durante todo o curso. Os pequenos de 1º A estiveron moi atentos, e por iso puideron facer estes fantásticos debuxos que ilustran todo o que aprenderon.

1º A from Biblionós on Vimeo.

mércores, 24 de outubro de 2018

Día da Biblioteca Escolar

Desde 1997, por iniciativa da Asociación Española do libro Infantil e Xuvenil, celebramos o "DIA DA BIBLIOTECA ESCOLAR". 
Para celebralo, cada ano un escritor nos dedica un breve texto, ao que chamamos "pregón", e o escollido en 2018 é Gonzalo Moure, autor de fermosísimos textos que teñen que ver co Sáhara e a intensa vida dos seus habitantes que, a pesares de verse obrigados a vivir no deserto, non perden a esperanza e a ilusión, e loitan por seguir aprendendo e manter a súa cultura. 
Aquí vos deixamos o texto que Gonzalo Moure escribiu.

venres, 13 de xullo de 2018

Somos centro PLAMBE!

Publícase hoxe a resolución provisional de centros seleccionados para entrar no curso 2018/19 no PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES, dentro do Plan LÍA. Para o C.E.I.P. "Juana de Vega", que inciará o seu cuarto curso en funcionamento, será unha estupenda noticia, e o equipo de Biblioteca quere compartila con toda a comunidade escolar, xa que sen a colaboración de TODOS é imposible acceder a este proxecto. Os agradecementos a repartir entre claustro, alumnado e familias facémolos extensivos á ANPA e ao CFR, que desde o comezo colaboraron coa biblioteca con ilusión e entrega. En setembro, vémonos. Feliz verán!