domingo, 26 de marzo de 2017

2 de abril, día do Libro Infantil e Xuvenil

Todos os anos, coincidindo co aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil".
Cada ano o IBBY escolle un autor e un ilustrador para difundir a celebración, e este ano foi a federación rusa a encargada. O poeta Sergey Makhotin foi o encargado do texto, e Mikhail Fedorov o da ilustración. 
Se queres celebralo ti tamén, podes aproveitar para reler contos de Andersen. Cantos coñeces? Gustaríache debuxar como imaxinas ti ao soldadiño de chumbo, a sereíña ou ao vaidoso rei nú? Participa na nosa exposición. 

martes, 24 de xaneiro de 2017

30 de xaneiro, día da Paz

O día 30 de xaneiro celebramos o "Día Escolar da non violencia e a Paz", conmemorando a morte dun dos maiores defensores da Paz: Gandhi. 
Unha das súas seguidoras, Indira Gandhi, deixounos esta marabillosa frase: "Co puño fechado non se pode dar a man". Por iso, a man aberta é considerada un símbolo de Paz. Se xuntamos as nosas mans, abrimos a porta á amizade, á comprensión e aos aloumiños. E non hai mellor aloumiño que unha aperta. Por iso, neste día da Paz escollemos a canción "A rumba das apertas", que nos acompañará durante a celebración do día 30.
Se queres aprendela ben, podes baixar a letra premendo aquí
Déixovos un video no que se podemos ver o ben que nos fai esta canción.

luns, 21 de novembro de 2016

Libros para a igualdade

Aquí tedes a selección de libros que están ao voso dispor para traballar o tema da igualdade de xénero. Premendo en cada imaxe, tedes acceso á ficha do libro, cun breve resumo. 







mércores, 16 de novembro de 2016

25 de Novembro



Como cada ano, cada 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A ONU escolleu esta data para non esquecer o asasinato das irmás Mirabal, na República Dominicana, como símbolo da violencia contra as mulleres.
Lamentablemente, cada ano temos que repetir esta data con cifras moi tristes. Para tratar este tema tan delicado, basta con reflexionar sobre o noso entorno, e tomar exemplo de actitudes positivas, como a que se amosa neste video, e recomendamos para ver cos maiores.

Existen moitos contos que nos falan da igualdade de xénero, e para reflexionar sobre a violencia contra as mulleres, desde os primeiros anos: 


  Ou para debatir sobre a discriminación sutil:

 

luns, 7 de novembro de 2016

Un conto para o Magosto

Por se tedes tempo e vos apetece escoitar un conto máis sobre as castañas, aquí podedes disfrutar con este que explica por que as castañas teñen dúas cores:

O Magosto

O ourizo está moi ledo
coa súa casa ben pechada
-ouh, que medo!- 
de espiñas toda cercada.

Quer botar unha risada
e os seus dentes arregaña 
case un nada: 
e xa fuxiu a castaña...! 

Neste poema de Manuel María, descríbese moi ben de onde saen as castañas. O Magosto é unha festa que celebramos sempre no Outono, porque é cando podemos recolectar este froito dos castiñeiros. 
Se queredes aprender máis sobre o tema, podedes traballar con este caderniño ofrecido polo CEIP Galán, ou clicar no enlace que aparece á dereita, no que o C.E.I.P. Víctor Sáenz comparte os recursos recopilados. 

xoves, 20 de outubro de 2016

24 de Outubro, día da BIblioteca Escolar

A "Asociación Española de Amigos del libro infantil y juvenil", en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, veñen celebrando desde o ano 1997 o Día da Biblioteca. Os obxectivos desta celebración son: concienciar á sociedade da importancia da lectura e homenaxear o labor dos bibliotecarios e bibliotecarias. Na escola, a Biblioteca Escolar debe ser entendida como "espacio de aprendizaje en el que el profesorado y su alumnado se comprometan con la lectura y la información en diversos soportes, con diferentes grados de complejidad, para construir conocimientos de los temas curriculares, del mundo y de ellos mismos" (Marco de Referencia para Bibliotecas Escolares, MEC, Abril 2011). 

Por isto, e agora que comezamos a dar estes primeiros pasos, non queremos pasar por alto unha celebración tan importante, e abriremos un pouquiño a porta para que vexades como estamos cambiando para convertirnos en espazo de encontro, lecer e investigación. 
Recibimos o agasallo do cartel conmemorativo, obra de Elena Odriozola, e do pregón orixinal de Ledicia Costas, ámbalas dúas gañadoras do Premio Nacional 2015.