Amosando publicacións coa etiqueta corentena. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta corentena. Amosar todas as publicacións

domingo, 10 de maio de 2020

VISITA VIRTUAL Á TORRE DE HÉRCULES

Esta fin de semana tivemos ocasión de visitar a Torre de Hércules! Si, claro, non estivemos alí, pero as tecnoloxías están amosando a súa parte máis xenerosa, ofrecendo a posibilidade de que, desde todas as partes do mundo poidamos achegarnos a lugares tan extraordinarios como a nosa Torre. Está tan perto e coñecémola tan pouco... BIBLIONÓS apuntouse e alá fomos. Aprendemos cousas que non sabiamos e gravámolo todo para poder visitala de novo cada vez que nos apeteza... 
Agardamos con ilusión a hora de facelo de verdade e pisar todos e cada un dos chanzos que nos levan á terraza. 

sábado, 9 de maio de 2020

A ODISEA un clásico infantil ou non?

Leamos aos clásicos

Odiseo e as sirenas
Durante estes últimos días xurdiron preguntas sobre o clásico A Odisea: podemos achegar aos cativos un libro tan complexo e intenso coma este?. Pode o noso alumnado comprender e disfrutar coas aventuras do heroe Odiseo?.Cando pensamos na guerra de Troia, ahí estaba Odiseo co seu cabalo e cando ninguén sobreviviu ao canto das sirenas, Odiseo conseguiuno..., e máis, vinte anos sobreviviu o seu amor por Penélope, moi a pesar dos seus infortunios,...

Durante moito tempo algunhos libros non foron considerados adecuados para os nenos, poño o caso do noso clásico por excelencia: O Quixote, ou o libro, sempre controvertido, O Principiño. Con todo, na actualidade, son libros cuxas adaptacións se len e gustan moito entre o público infantil.
Por isto,aínda a risco de equivocarnos, pensamos que a resposta a estas preguntas, moi lóxicas por outra banda, é que si. 
Quijote y su inseparable Sancho
Neste libro os resortes da peripecia, a intriga e o suspenso que moven a aventura atópanse cercanos dos recursos da imaxinación e a fantasía empregados nos nosos relatos modernos que nos son tan familiares: monstros, pantasmas, feiticeiras, historias de amor e celos..., a Odisea contén todos os ingredientes do moderno relato de aventuras.
Podemos dicir que A Odisea é deses libros que transcenden o tempo e mesmo o espazo, xa que son representativos dunha gran cultura, cuxas concepcións do mundo seguen vixentes hoxe en día.

#clasicosinfantis #tempodeler #maratóndelectura #cuarentena

luns, 4 de maio de 2020

RETO 4: UNHA VIAXE CON EXERIA


Nada menos que cinco enigmas nos plantexa agora a Raposa Fedella. Propón que acompañemos a Exeria, a primeira peregrina que viaxou a Galicia. Non foi doado o camiño, pero foi forte e
intelixente, e hoxe sabemos moito sobre ela porque escribiu un diario! Fixádevos no importante que é anotar todo o que nos pasa.
Atrevédevos a seguir a Exeria na súa viaxe e descubrir todo o que ela conseguiu? Basta con que premades aquí acompañados do voso equipo de investigadores. 

domingo, 3 de maio de 2020

XOGUETES CON MATERIAL DE REFUGALLO

Desde os Centros Cívicos do Concello da Coruña chéganos esta proposta para crear xoguetes utilizando materiais que podemos ter na casa. Cunha pouquiña imaxinación e traballando devagar, podemos facer auténticas obras de arte que nos sirven para xogar. 
Mans á obra!

RETO 3: DÚAS ESCULTURAS

Ademais de entender de pintura, o persoal da Cidade da Cultura entende moito de arte. Pero saben que nós non nos quedamos atrás, e por iso nos piden que fagamos unha análise destas dúas obras escultóricas. Facemos crítica artística hoxe? Atrevédevos premendo aquí. E non esquezades que é mellor facelo en equipo. 

sábado, 2 de maio de 2020

RETO 2: O PARAÍSO TERRENAL


Este reto vailles gustar moito aos amantes das artes e do medio natural. Seguide as pistas e axudade á Raposa Fedella a averiguar que se esconde detrás dun famoso cadro. 
Non esquezades que hai que ter a pacencia dun naturalista, que observa, escoita e ulisca en busca de pistas. 
Para seguir á "Raposa Fedella" non tés máis que premer aquí.


venres, 1 de maio de 2020

RETO 1: A DESAPARICIÓN DA BIBLIA KENNICOTT

Temos unha longa fin de semana por diante. Pode ser que poidamos dar un paseo, pero non máis dunha hora! E non podemos descoidar tampouco o adestramento do noso cerebro! A "Cidade da Cultura" proponnos unha serie de retos. Xoguemos a ser "Indiana Jones" en familia, ou unha especie de "Sherlock Holmes" caseiro. So tedes que ler ben as pistas e ter paciencia, que os retos e os misterios non se resolven sos. E pensade que en equipo se traballa mellor.
Aquí vai o primeiro reto: unha peza moi importante da exposición "Galicia, un relato no mundo" desaparece do Gaiás. 
Seredes quen de dar con ela? Preme aquí para acceder á aventura.

xoves, 30 de abril de 2020

MIRANDO AS NUBES DESDE O SALÓN OU DESDE O PASEO

Pasamos moito tempo na casa, pero aínda así temos a oportunidade de asomarnos á xanela e contemplar o ceo. As nubes poden esconder o azul en días de chuvia, pero outras veces contan moitas cousas... Con este video do Salón do Libro podemos aprender moito sobre elas. E se podes saír dar un paseo, aínda que sexa curto, moito mellor! Máis oportunidades para observar!

sábado, 25 de abril de 2020

Lecturas en Infantil #contosnacasa

"CANTO CONTO TEÑEN" AS PROFES DE INFANTIL
 O Día do Libro celebrouse ao grande esta semana. As profes de Infantil contamos un conto para todos os nenos e nenas de Infantil, todos os días da semana e aínda queda por rematar con algunhos máis...


Cadaquen contou o seu conto dun xeito distinto..., pero en cada un deles houbo moito agarimo, traballo e ganas de entreter ao noso público máis novo e esixente.

Neste momento que nos toca vivir, necesitamos máis que nunca, ver e escoitar aos nosos seres cercanos, máis pretos que nunca e esta actividade logrou o noso obxectivo: entrar nas casas do noso alumnado cunha historia que contar.


Dámosvos as gracias as familias polas palabras de agradecemento recibidas e sabemos que os nenos e nenas de Infantil non paran de velos e escoitalos, que maior recompensa podemos ter!!!


 #TEMPODELER #QUÉDAMOSNACASA


venres, 17 de abril de 2020

BANDA DESEÑADA CON XOSÉ TOMÁS

É un auténtico luxo ter un mestre de banda deseñada como Xosé Tomás. E poder levalo a casa, máis aínda. Aulas Galegas comparte este curso que podemos aproveitar para facer algunha historieta caseira. Poida que non teñamos un potente ordenador coa aplicación que ten Xosé Tomás, porque el é un profesional; pero todos temos lápis e papel, e con iso e gañas de aprender, sobra.
 

MARCAPÁXINAS

Desde o blog da biblioteca e desde todas as aulas recomendamos lecturas sempre. Os libros son os nosos amigos, especialmente agora que estamos pechados e so podemos sair coa imaxinación. Nestes momentos os libros poden ser un barco, un avión, unha bici para pasear ou unha potente nave espacial que nos leve a visitar outros mundos. 
Por iso hai que coidalos. Imos aprender a facer uns marcapáxinas que podemos adornar con distintas figuras. Se é posible, utilizade papel para reciclar: papel de regalo, bolsas de papel, papel usado por unha cara,...Logo podedes colorealo e adornalo ao voso gusto. 

mércores, 8 de abril de 2020

Mil Orellas

Laura Rey, mamá que forma parte da nosa comunidade educativa, comparte con nós este conto que leu para "Normalización Concello da Coruña". É un conto moi especial, un conto para persoas xordas, que interpreta na lingua de signos Natalia Navaza. Grazas, Laura!

O pequeno morcego

Paula Carballeira é unha das nosas contadoras favoritas. Desde o Salón do Libro de Pontevedra chega este fermoso conto sobre os animais da noite, protagonizado por un pequeno morcego con gañas de saír da casa. 

Con vós na casa


Grazas á xenerosidade de un grupo de autores, Bahía edicións fai accesible baixo o título "Con vós na casa" unha selección de trece obras agrupadas por idades. Solicitando que se faga un uso respectuoso e responsable das mesmas, facilita a descarga en pdf e a súa utilización no tempo de lecer. Outro recurso que amosa a solidariedade por enriba doutros valores, e que debemos aproveitar.

sábado, 4 de abril de 2020

Andersen conta... "El patito feo"

Candela e Tania abren o espazo de "Andersen conta" coa súa fermosa interpretación de "El patito feo". 

Baila con Nós

Remata este segundo trimestre do curso escolar, dunha forma imprevista. A biblioteca está "aberta virtualmente", todos ficamos na casa, traballamos ao lonxe e non nos podemos tocar. Pero si podemos cantar e bailar canto nos apeteza. A comunidade escolar do C.E.I.P. "Juana de Vega" sigue unida por un fío común. Bailamos?

sábado, 28 de marzo de 2020

CATÁLOGO DIXITAL "GALICIA LE"

A plataforma GaliciaLe pon a disposición pública os seus contidos dixitais, para favorecer este tempo de corentena. Esteas rexistrado ou non, terás acceso a libros, revistas e audiovisuais de xeito gratuíto. Unha vez rematada a corentena disporás de 30 días para achegarte a unha biblioteca pública e xestionar o teu carné de usuario. 

venres, 27 de marzo de 2020

DIA MUNDIAL DO TEATRO

Tal como nos indican na páxina da Asesoría de Bibliotecas, o Instituto Internacional do Teatro estableceu en 1962 que este día lembraríamos a reapertura do Teatro das Nacións en París. Así promovemos o 27 de marzo o teatro en todas as súas formas, e tomamos conciencia do seu valor en todas as culturas. 
O dramaturgo paquistaní Shahid Nadeen encargouse de redactar o manifesto: "O teatro como santuario"
Para celebralo, imos compartir algunhas propostas:
Caramuxo teatro comparte "Na casa", teatro para bebés, con música e cancións.
Tanxarina títeres interpreta: "A galiña azul".
Tedes tamén pezas teatrais en video na Biblioteca Virtual Galega (é preciso que as descarguedes).
Dispoñedes dun espazo teatral no Estudio 1 de RTVE.
E cada día, ás 18.00 horas diferentes artistas comparten as súas creacións na súa páxina de facebook en Teatros del Canal.

Agora temos que facelo desde a casa. Pero cando pase todo isto, ide ao teatro!





xoves, 26 de marzo de 2020

Biblioteca na casa

A rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña puxo en marcha unha interesante actividade que se desenvolve todos os días ás 18.00 horas: contan contos desde a biblioteca. So tedes que acceder á súa páxina de facebook, e seguir a retransmisión. Aínda así, os videos quedan aloxados no perfil, así que podedes acceder a eles sempre que o desexedes. 
Deixamos aquí a lectura dun libro de Mar Benegas, unha das nosas "poetas de cabeceira". Este libro tamén o temos na nosa biblio!:

Banda deseñada: CARRIANDOLA

Desde  Aira Editorial adiántanse á publicación de "Carriandola", prevista para o vindeiro mes, e comparten de balde e temporalmente a obra, para que poidamos seguir as aventuras da súa protagonista, a nena Mariña. 
Agardamos con paciencia que a corentena pase, e poidamos ter nas mans este libro, pasar as súas follas de papel e apreciar o recendo da tinta fresca. Se premes aquí tés acceso á páxina da editorial para descargalo.